Máis de mil asistentes vibraron coa primeira edición do Ordes Music Fest

O Concello de Ordes celebrou a primeira edición do Ordes Music Fest, un evento que superou todas as expectativas ao congregar máis dun milleiro de persoas, segundo datos facilitados pola Policía Local.
Durante máis de seis horas, o público puido gozar de música en directo a cargo dos DJs Goro, Kike Varela, Sote, Víctor Rivas, Toni Seijas, Rafa Stray, Adri Torres e Adrián Gold, que puxeron ritmo e animación no Campo da Feira da vila.
A cita tamén contou cun espazo especial para os máis pequenos. De 18.00 a 21.30 horas desenvolveuse o Ordes Music Júnior, onde a rapazada puido divertirse gratuitamente con inchables e un touro mecánico. Ademais, durante toda a fin de semana, dende o venres, estiveron dispoñibles coches eléctricos para os nenos.
Durante o evento, a Asociación de Empresarios de Ordes (AECOR) aproveitou a ocasión para celebrar o sorteo da súa campaña de bingo musical, repartindo cinco premios valorados en 120 euros e outro máis destacado de 1.000 euros.
O Ordes Music Fest foi organizado polo Concello de Ordes, contando coa colaboración da Xunta de Galicia, Abanca, Carné Xove, AECOR e a Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes, que contribuíron á posta en marcha deste exitoso festival.