Máis de medio milleiro de persoas iluminan o Monte Xalo na sétima Nocturna do Xalo en Culleredo

ACoruñaXa
A carreira de 12 quilómetros, con triunfos de Marcos Naya e Alba Rey, e a andaina de 8 quilómetros convertéronse nunha gran festa deportiva e veciñal con saída e meta na polideportiva de Castelo
CULLEREDO monte veciñal castelo
24 Nov 2025

O Monte Xalo volveu encherse de frontais e deportistas coa celebración da sétima edición da Nocturna do Xalo, unha cita xa plenamente asentada no calendario deportivo de Culleredo. A proba, impulsada pola asociación Castelo Deporte en colaboración co Concello de Culleredo e coa Comunidade de Montes Veciñais de Castelo, volveu combinar deporte, natureza e convivencia ao pé do monte.

A actividade mantivo o seu formato tradicional, con dúas modalidades: unha carreira de montaña de 12 quilómetros e unha andaina de 8 quilómetros polos camiños e pistas do monte comunal. A saída, ás 19.00 horas, e a chegada estiveron situadas na polideportiva de Castelo, no lugar de Folgueira, dende onde as e os participantes se internaron na vertente cullerdense do Xalo nun percorrido técnico e esixente, pero apto para distintos niveis. Na carreira tomaron a saída 124 corredores e corredoras, mentres que na andaina superouse a barreira das trescentas persoas inscritas, o que reforza o tirón da proba entre a veciñanza e afeccionadas e afeccionados chegados doutros concellos.

No plano estritamente deportivo, Marcos Naya Badallo repetiu vitoria na Nocturna do Xalo, impoñéndose na carreira masculina cun tempo de 1 hora, 9 minutos e 57 segundos. Completaron o podio Yago Breijo, con 1 hora, 13 minutos e 7 segundos, e Iván Reboredo, que chegou á meta en 1 hora, 14 minutos e 47 segundos. Na categoría feminina, o triunfo foi para Alba Rey, que parou o reloxo en 1 hora, 35 minutos e 12 segundos, seguida de Paula Martínez e Tina Formoso. Os rexistros das persoas gañadoras convertérona na edición máis rápida das sete celebradas ata o momento.

Máis alá dos tempos, a imaxe da noite estivo no fío interminable de luces avanzando polas sendas do monte, nunha xornada na que o bo ambiente se impuxo á dureza do percorrido. A andaina, de carácter non competitivo, permitiu a moitas familias e grupos de amigos descubrir de noite o monte veciñal de Castelo, nunha proposta pensada para quen prefire un ritmo máis tranquilo pero tamén quere gozar da experiencia.

Unha vez completados os dous percorridos, a actividade trasladouse de novo ao interior da polideportiva de Castelo, que acolleu a xa tradicional cea de convivencia e churrascada preparada pola veciñanza. Máis de medio milleiro de persoas reuníronse arredor das mesas para compartir impresiones da proba e prolongar a festa ata ben entrada a noite, consolidando a Nocturna do Xalo como unha das citas máis agardadas do ano na parroquia.

A entrega de premios estivo presidida pola concelleira de Educación, Deportes e Xuventude de Culleredo, Cristina Pardo Portos, xunto con representantes da Comunidade de Montes Veciñais de Castelo e da directiva de Castelo Deporte, nun acto no que tamén participaron os concelleiros Juan Carlos Iglesias Lovelle e Mario Iglesias. A organización agradeceu de xeito especial o labor do voluntariado e das entidades colaboradoras, entre elas o Concello de Culleredo e a Deputación da Coruña, que fan posible unha proba que ten tamén entre os seus obxectivos poñer en valor e coidar o entorno natural do Monte Xalo.

⚙ Configurar cookies
0.071126937866211