Máis de 800 escolares participan nas Xornadas JK-Eduka de judo no Pazo de Riazor

O Pazo dos Deportes de Riazor acolleu esta fin de semana a quinta edición das Xornadas JK-Eduka de Judo, un encontro de base que xuntou máis de 800 nenos e nenas en idade escolar chegados de 20 centros educativos da cidade e da contorna.
A actividade, promovida polo club JK-Eduka Judo, desenvolveuse cun formato centrado no xogo educativo e na participación, coa colaboración de 24 mestres e mestras que imparten judo ao longo do curso nos colexios. A organización subliña que o modelo busca garantir unha presenza equilibrada de nenas e nenos e integrar tamén rapazada con discapacidade.
A alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, asistiron ao acto institucional e á entrega de medallas, nunha xornada que o Concello enmarca na súa aposta polo deporte en idade escolar como ferramenta de aprendizaxe e cohesión social.
A fin de semana deportiva completouse, ademais, coa XX Copa Cidade da Coruña de taekwondo no Coliseum, unha proba con entrada gratuíta na que competiron máis de 700 deportistas de clubs de España e Portugal e que é puntuable para o ránking nacional.