Máis de 700 deportistas disputarán a Copa Cidade da Coruña de taekwondo

O Coliseum da Coruña será o epicentro do taekwondo a nivel nacional ao acoller a XIX Copa Cidade da Coruña, un evento que reunirá a máis de 700 deportistas procedentes de todo o territorio nacional. Delegacións de Andalucía, Asturias, Canarias, Castela e León, Cataluña, Valencia e 9 deportistas de Portugal competiran nesta cita deportiva que se consolidou como unha das máis importantes do calendario de taekwondo en Galicia.
O Concello da Coruña organiza este campionato en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo e a Escola de Taekwondo Garrapucho. "Estamos a amosar a gran capacidade de adaptación do Coliseum a todo tipo de eventos, tanto deportivos como culturais", destacou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes.
A Copa Cidade da Coruña de Taekwondo permitirá ver en directo aos mellores deportistas nacionais, que buscarán acadar bos resultados en vistas aos próximos eventos nacionais e internacionais. Ademais, servirá para a clasificación para as diferentes competicións estatais de cada categoría e tamén será válida para o ránking nacional na categoría Máster, que dá acceso ao Mundial e ao Europeo.
O campionato contará con oito categorías de participación: infantil, precadete, cadete, júnior, sénior e máster 1, 2 e 3. A xornada do sábado 10 comezará ás 09.00 horas e rematará ás 13:30 horas, cunha segunda sesión pola tarde de 15.30 a 20.00 horas. O domingo, a competición continuará ás 09.00 horas. A entrada será gratuíta ata completar a capacidade do recinto en ambas as xornadas.
“O Goberno de Inés Rey continúa promovendo na cidade grandes celebracións deportivas, tendo especial atención a deportes como o taekwondo, que fomentan valores de compañerismo entre os deportistas", sinalou Manuel Vázquez. O concelleiro tamén aproveitou para agradecer a labor da organización, cun José Luis Garrapucho Cermeño ao mando.
Un total de máis de 150 profesionais estarán implicados na xestión deste evento. Ademais, o campionato terá un carácter solidario, colaborando coa Cociña Económica mediante a recadación de alimentos non perecedeiros doados tanto por deportistas como polo público asistente.