Máis de 60 postos participan este sábado na Feira de Artesanía de Culleredo

O Concello de Culleredo celebra este sábado, 17 de maio, a súa tradicional Feira de Artesanía, coincidindo coa conmemoración do Día das Letras Galegas. Os postos estarán instalados na praza Europa de O Burgo en horario de 11:00 a 20:00 horas.
O evento reúne máis de 60 postos, consolidándose como unha cita de referencia para os e as artesás de Galicia. Así, os expositores amosarán os seus produtos únicos elaborados con coiro, vimbio, vidro e moitos outros materiais.
A xornada contará, ademais, cun completo programa de actuacións musicais, que comezará ás 11:30 horas da man do Coro de Voces Veteranas de Culleredo. Posteriormente, ás 12:00 horas, será a quenda da Asociación Cultural Catalmibre, e pechará as actuacións a Agrupación Folclórica Ancoradoira pola tarde, ás 17:00 horas.
Como complemento a esta celebración, o mago Antón levará á explanada da Ría do Burgo un total de cinco funcións do seu espectáculo ‘A volta a Galicia en 313 concellos’ co seu ‘magomóbil’. As funcións están programadas para as 12:00, 13:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas, todas elas con entrada libre e gratuíta ata completar aforo. Esta actuación forma parte da Rede Cultural 2025 da Deputación da Coruña e enmárcase dentro do programa municipal ‘Culleredo en Escena’.