Máis de 60 persoas fórmanse en Bergondo para mellorar a súa empregabilidade

O Concello de Bergondo vén de completar con éxito un plan formativo dirixido a potenciar a empregabilidade da veciñanza. Durante a primeira semana de xuño, máis de 60 persoas participaron en tres accións formativas centradas en competencias profesionais de alta demanda: “manejo de carretilla elevadora”, “trabajos en altura” e “uso de pala cargadora”.
Os cursos, de 8 horas de duración cada un, combinaban contidos teóricos e prácticos, e tiveron lugar nas instalacións do Polígono de Bergondo. Esta iniciativa enmárcase no compromiso municipal co impulso do emprego e a capacitación técnica no ámbito local.
A formación foi “completamente gratuita para los participantes”, reforzando así a aposta do Concello por eliminar barreiras de acceso ao desenvolvemento profesional e facilitar ferramentas concretas para mellorar o perfil laboral das persoas asistentes.
Dende o goberno local salientan a boa acollida desta proposta, que contribúe a dotar ás persoas participantes de habilidades directamente aplicables en sectores como a loxística, a construción ou o transporte.