Máis de 6.000 solicitudes para o novo programa de axudas a autónomos no rural da Deputación

ACoruñaXa
Apoio económico récord para profesionais con máis de cinco anos de actividade en concellos de menos de 10.000 habitantes
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, na presentación dos premios PEL
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, na presentación dos premios PEL
29 Oct 2024

A Deputación da Coruña rexistrou 6.012 solicitudes para a nova liña de axudas do Plan de Emprego Local (PEL) destinada a profesionais autónomos que levan máis de cinco anos de actividade e teñen o seu domicilio fiscal nun concello da provincia de menos de 10.000 habitantes.

Esta cifra supón un récord na convocatoria do PEL, o que amosa a boa acollida desta nova liña para autónomos, dotada con 2,6 millóns de euros, que se suman aos 2,3 millóns de euros da primeira convocatoria PEL-Autónomos deste ano, que beneficiaron a 1.106 profesionais con menos de cinco anos de actividade e sede social en concellos de menos de 20.000 habitantes.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou "a importancia dos autónomos na economía e na creación de emprego en Galicia”, un colectivo que inclúe a máis de 205.000 persoas na comunidade. “Por iso decidimos ampliar as axudas, que cada ano rexistran unha elevada demanda dentro do PEL, e aumentar o seu orzamento ata os 4,9 millóns de euros, co obxectivo de atender o maior número de solicitudes posible”, sinalou Formoso.

O presidente explicou que as axudas están destinadas aos profesionais dos concellos de menor tamaño, co obxectivo de favorecer o emprego e contribuír á fixación de poboación no rural. A axuda máxima á que poden optar os solicitantes é de 2.400 euros para cubrir parte das cotas da Seguridade Social durante un ano.

Por comarcas, destacan as solicitudes das comarcas de Fisterra, con 528 solicitudes (8,78 %), Terra de Soneira con 487 (8,10 %), e Bergantiños con 485 (8,06 %). En canto ás actividades económicas, sobresae o sector primario, con 1.902 solicitudes (31,6 %), e o comercio, con 947 solicitudes (15,75 %).

A concesión provisional das axudas publicarase en novembro. Desde a creación do PEL en 2016, a Deputación investiu máis de 115 millóns de euros, logrando a creación de 7.196 empregos directos nos sectores público e privado.

0.15719699859619