Máis de 500 persoas participan na XIV Travesía do Xalo en Culleredo

Celebrouse en Culleredo unha nova edición da tradicional Travesía do Xalo, unha cita deportiva xa plenamente consolidada no calendario local, que nesta décimo cuarta edición conseguiu reunir a máis de 500 participantes.
O evento, organizado pola asociación Castelo Deporte coa colaboración do Concello de Culleredo, contou con catro probas adaptadas a diferentes idades e niveis. Para o público adulto, organizáronse unha carreira de 18,3 quilómetros e unha andaina de 10,5 quilómetros, sendo esta última a máis concorrida, con máis de 400 camiñantes. Pola súa parte, os máis pequenos e pequenas desfrutaron de dúas carreiras curtas de 250 e 80 metros respectivamente.
Na categoría masculina, Roberto Balado proclamouse vencedor absoluto cun tempo de 2 horas e 9 minutos, seguido moi de preto por Juan Fernández e Roberto García, ambos con tempos de 2 horas e 10 minutos. Na categoría feminina, a primeira posición foi para Pauline Jacob, que cruzou a meta en 2 horas e 51 minutos, seguida de Montserrat Alférez (2:52) e María José Lamas (2:54).
A entrega de premios contou coa presenza da tenente de alcalde e concelleira de Deportes, Cristina Pardo, quen destacou a gran participación e o ambiente festivo da xornada. Ademais, nesta edición realizouse unha colaboración especial coa asociación Aspanaes, entidade que traballa en favor das persoas con autismo e que conta cun centro en Castelo, á que se lle fixo un recoñecemento especial polo seu labor.
A Travesía do Xalo reafirma así o seu compromiso co deporte, a natureza e a inclusión social, consolidándose como unha das probas referencia da comarca.