Máis de 500 persoas participan esta fin de semana na Coruña na XXXIII edición do Campionato de España de Dominó

A Coruña converterase esta ponte festiva no epicentro estatal do dominó coa celebración da XXXIII edición do Campionato de España de Dominó por Parellas, que se desenvolverá do 6 ao 8 de decembro no Hotel NH Collection Finisterre. A cita, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, reunirá na cidade máis de 500 xogadores e xogadoras chegados de todas as comunidades autónomas, consolidándose como unha das edicións máis concorridas da súa historia.
Na xornada deste venres, o presidente da Deputación recibiu no Pazo Provincial unha representación da organización, encabezada polo presidente e o secretario da Federación Española de Dominó, Faustino Alegría e Antonio Carmona, ademais do presidente e do vicepresidente da Federación Galega, Manuel Seoane e Ángel Corredoira. Durante o encontro, convidárono a presidir a inauguración oficial do torneo, prevista para mañá.
O presidente trasladou a súa benvida aos participantes, moitos deles acompañados das súas familias, e animounos a “gozar dunha fin de semana única na Coruña, unha cidade perfecta para vivir este campionato e esta ponte festiva”.
Desde a Deputación tamén se puxo en valor o impacto que un evento desta magnitude ten para a cidade, non só no ámbito deportivo, senón tamén no económico e turístico, grazas á elevada afluencia de visitantes que se achegan para seguir a competición.