Máis de 416.000 euros para mellorar camiños rurais en 14 concellos da comarca de Betanzos

ACoruñaXa
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, supervisou en Oza-Cesuras as obras no camiño de Burricios, incluídas no Plan Camiña Rural 2025-2026
OZA-CESURAS belen do campo
6 Mar 2026

A Xunta destinou máis de 416.000 euros á mellora de camiños rurais en 14 concellos da comarca de Betanzos ao abeiro do Plan Camiña Rural 2025-2026. Así o puxo en valor a delegada territorial na Coruña, Belén do Campo, durante unha visita a Oza-Cesuras na que supervisou as actuacións executadas no camiño de Burricios, acompañada polo alcalde, Pablo González.

No municipio, as intervencións financiadas pola convocatoria 2025-2026 suman un investimento superior aos 94.000 euros e inclúen tamén traballos noutros puntos como Rexidoira, O Val de Deus (Igrexa de Rodeiro) e O Seixo. En total, as obras abarcan arredor de 2,3 quilómetros de aglomerado en quente e contemplaron actuacións complementarias como limpeza de cunetas, barrido da calzada e sinalización. O rexedor confirmou ademais que o Concello presentou xa un novo proxecto para a convocatoria 2026-2027.

Na comarca de Betanzos, os concellos beneficiarios foron Abegondo, Aranga, Bergondo, Betanzos, Coirós, Curtis, Irixoa, Miño, Oza-Cesuras, Paderne, Sada, Sobrado, Vilarmaior e Vilasantar. No conxunto da provincia da Coruña, a Xunta concedeu axudas na convocatoria 2025-2026 a 86 concellos por un importe global de máis de 2,8 millóns de euros.

Durante a visita, Belén do Campo lembrou que o prazo para solicitar as axudas da nova orde 2026-2027 pechou o xoves 5 de marzo. Esta liña está dotada con preto de 19 millóns de euros e tramítase en réxime de concorrencia non competitiva, polo que poden optar todos os concellos galegos. As subvencións están destinadas a actuacións de ampliación ou mellora de camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación, incluíndo vías internas dos núcleos e conexións entre lugares e coa rede principal.

Entre as actuacións subvencionables figuran, no apartado de ampliacións, as melloras para gañar largura e seguridade, facilitar o cruzamento de vehículos ou actuar en curvas, entroncamentos e puntos con pouca visibilidade, así como prolongacións para enlazar con estradas ou outros camiños. No caso das melloras, inclúense reforzos do firme, drenaxe, seguridade viaria, estabilización de taludes, adecuación de pasos sobre cursos fluviais, mellora de cunetas, integración ambiental e renovación da sinalización.

A delegada salientou a importancia desta medida ao considerar que os camiños rurais 'estruturan o territorio e resultan esenciais para a dinamización social e económica do rural'. Segundo os datos achegados, desde 2016, e unha vez rematadas as actuacións da convocatoria 2025, teranse executado intervencións en preto de 6.700 camiños en toda Galicia, cunha lonxitude aproximada de 5.200 quilómetros e un investimento acumulado próximo aos 156 millóns de euros.

0.12059092521667