Máis de 4.000 persoas participaron nas actividades culturais organizadas polo Concello de Carral

ACoruñaXa
O obxectivo deste balance é analizar o impacto da programación na cidadanía e reorientar estratexias
carral-cultura
18 Mar 2025

O Concello de Carral hoxe os resultados da súa programación cultural, que acadou unha asistencia de máis de 4.000 persoas ao longo do ano. No acto, celebrado na Casa da Cultura, participaron o alcalde, Javier Gestal, a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e o técnico da área de Cultura de Carral, Carlos Lorenzo, quen destacou os principais fitos acadados. Entre eles, subliñou as 73 iniciativas levadas a cabo, cunha ampla variedade de xéneros e dirixidas a diferentes franxas de idade.

O obxectivo deste balance é analizar o impacto da programación na cidadanía e reorientar estratexias para futuras edicións. As actividades desenvolvéronse ao longo de todo o ano, con especial intensidade en novembro, que contou con 12 propostas. Entre as iniciativas destacadas atópanse o Ciclo de Cine Documental Galego, os contacontos de animación á lectura, o Premio de Poesía Concello de Carral, Culturúa, Músicas Íntimas, Noites de Monólogo, o Ciclo de Teatro de Outono e o programa Papeques. Ademais, sumáronse outros eventos como o festival Muller a Escena, o espectáculo De Vilatriste a Vilalegre do Centro Dramático Galego, Dinamiz-ARTj do Instituto para a Transición Xusta, Elas son artistas e a exposición fotográfica Nós tamén fomos emigrantes.

As artes escénicas, incluíndo a danza, representaron máis dun terzo da programación e reuniron á metade do público asistente. Os contacontos para nenas e nenos foron a segunda actividade máis numerosa, seguidos polas proxeccións audiovisuais.

O 2024 marcou a 27ª edición do Premio de Poesía Concello de Carral, un dos certames máis lonxevos de Galicia, que acadou un récord de participación grazas á implantación dun sistema telemático de presentación de obras. En total, recibíronse 94 propostas.

O Ciclo de Teatro de Outono seguiu sendo unha das iniciativas mellor asentadas na programación municipal. No 2024, incluíu a representación de 12 obras e contou con 1.151 espectadores. Ao final de cada función, realizouse unha enquisa de satisfacción, respondida polo 30% das persoas asistentes. A puntuación media acadada foi de 4,7 sobre 5 e o 97 % das persoas enquisadas recomendarían as representacións vistas.

⚙ Configurar cookies
0.19520878791809