Máis de 300 vivendas en Culleredo aínda sen solicitar o illamento polo ruído do aeroporto de Alvedro

ACoruñaXa
Nun encontro fíxose seguimento do estado dos traballos de insonorización en vivendas afectadas pola pegada sonora
Casa do Concello de Culleredo
10 Jul 2025

O Concello de Culleredo participou nunha nova xuntanza do Plan de Aislamiento Acústico, na que se fixo seguimento do estado dos traballos de insonorización en vivendas afectadas pola pegada sonora do aeroporto de Alvedro. A concelleira de Urbanismo, Marta Iglesias, foi a representante municipal no encontro.

Segundo informou Aena durante a reunión, aínda quedan 303 vivendas sen ter solicitado as medidas de illamento, algunhas delas pertencentes a edificios colectivos. Isto implica que o número de expedientes sen iniciar supera o centenar.

Desde o Concello faise un chamamento á veciñanza que aínda non deu o paso a que se informe e tramite a súa solicitude na Oficina de Xestión do Plan de Aislamiento Acústico. Tal e como sinala a concelleira Marta Iglesias, “é un dereito ao que se poden acoller os afectados para obter o financiamento estatal polo impacto acústico do aeroporto”.

Na xuntanza incorporáronse 11 inmobles máis ao Plan, mentres que outros 12 continúan en fase de tramitación.

Dos 1.934 inmobles con dereito a acollerse ao illamento, presentáronse 1.631 solicitudes. Realizáronse xa 1.607 medicións, das cales derivaron 1.418 proxectos solicitados. De todos eles, 898 foron finalmente presentados e aprobados. A día de hoxe, 885 vivendas xa teñen os traballos de insonorización completados, e outras 13 están actualmente en obras.

Durante a reunión tamén se propuxo unha nova inversión de 170.197,78 euros destinada a insonorizar 18 vivendas nas zonas de O Burgo, Almeiras e A Ermida. Ademais, deuse conta da finalización das obras en 31 vivendas pertencentes a dous edificios colectivos situados en O Burgo, actuacións que contaron cun financiamento de 174.628,09 euros.

⚙ Configurar cookies
0.16899800300598