Máis de 30 puntos da cidade entran hoxe no plan de choque polos danos dos temporais

ACoruñaXa
O Concello da Coruña actuará sobre calzadas erosionadas en distintos barrios mentres avanza tamén na renovación do firme entre a Torre e o Aquarium, onde se retirarán e soterrarán antigos raís do tranvía
A CORUÑA obras temporal
6 Mar 2026

O Concello da Coruña avanza hoxe co seu plan de choque para reparar os efectos das últimas semanas de choiva e temporais sobre as calzadas de titularidade municipal. O dispositivo, impulsado polo Goberno local que encabeza Inés Rey, prevé actuacións de bacheo en máis de 30 puntos repartidos polos distintos distritos da cidade, co obxectivo de corrixir os danos máis urxentes no firme.

As intervencións foron priorizadas polo servizo municipal de Infraestruturas en función de criterios técnicos e de urxencia. Entre os espazos nos que está previsto actuar figuran rúas e avenidas como Fernando Rey, en Catro Camiños, Xeneral Rubín e a avenida Pablo Picasso, en Elviña, Javier López López, no Castrillón, a avenida de Arteixo á altura de Vioño, a avenida Buenos Aires, en Riazor, a Terceira Rolda en Visma, así como Gambrinus e José María Rivera Corral, no polígono da Agrela.

O operativo inclúe tamén actuacións na avenida do Exército, na rúa Caballeros, en María Puga Cerdido e Luciano Yordi de Carricarte, en Matogrande, na avenida de Montserrat, en Eirís, en alcalde Sanjurjo de Carricarte, en Monte Alto, en Orillamar e na baixada entre San Pedro de Visma e O Portiño, entre outros enclaves. No caso de que a meteoroloxía impida completar hoxe a quenda de traballos prevista, o Concello xa contempla continuar coas tarefas o luns.

En paralelo a estas reparacións puntuais, o executivo local mantén en marcha a campaña de asfaltados integrais na cidade. Dentro desa folla de ruta, onte comezaron os traballos de renovación do firme no treito do paseo marítimo comprendido entre a rotonda da Torre e a do Aquarium Finisterrae, despois de rematar esta semana a intervención entre As Escravas e a avenida de Labañou.

Esta nova actuación servirá non só para renovar a calzada, senón tamén para avanzar na mellora da imaxe e da funcionalidade do paseo marítimo. O Concello prevé actuar nas dúas marxes da vía para retirar os antigos raís do tranvía na beira terrestre, actualmente en desuso, e soterrar os situados máis preto do bordo marítimo. Ademais, a intervención permitirá ampliar o carril runner e dar continuidade á estética xa implantada noutros puntos remodelados do paseo, como Os Pelamios e As Ánimas.

0.11694598197937