Máis de 250 persoas participarán na 53ª edición da Travesía ao Dique que acolle a cidade herculina

A cidade da Coruña volverá converterse este venres, 25 de xullo, no escenario dunha das probas máis destacadas do seu calendario deportivo: a Travesía ao Dique, que celebra a súa 53ª edición. A competición, organizada polo Club Natación Coruña co apoio do Concello da Coruña, reunirá a 250 nadadores e nadadoras das categorías alevín, infantil, júnior, máster e absoluta.
O evento foi presentado nun acto celebrado nos exteriores de Marina Coruña, nos peiraos do Náutico. No acto participaron o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez; o presidente do Club Natación Coruña, Raúl Solleiro; o secretario xeral da Federación Galega de Natación, Ramón Mosquera; Boris Mosquera, en representación de Blue Leaders; e Inmaculada Losada e Lucía Méndez, vicepresidenta e responsable de relacións públicas do club, respectivamente.
Durante a súa intervención, o concelleiro destacou “o compromiso do Goberno municipal co deporte ao aire libre e co apoio a eventos que consolidan A Coruña como cidade atlántica e deportiva”.
A Travesía ao Dique forma parte da IX Copa de España de Augas Abertas e do XXI Circuíto Galego de Augas Abertas, polo que tamén conta co respaldo da Federación Española de Natación e da Federación Galega de Natación.
A competición dará comezo ás 11.00 horas desde as instalacións de Marina Coruña, na lámina de auga do porto interior. Están previstas tres quendas de saída, adaptadas á idade e nivel das persoas participantes:
- Ás 11.00 horas sairán os nadadores das categorías absoluta e júnior, que percorrerán 3.500 metros.
- Ás 11.05 horas será a quenda das persoas participantes na categoría máster, cun percorrido de 1.200 metros.
- Ás 11.10 horas comezará a proba para alevíns e infantís, tamén de 1.200 metros.
Como en anteriores edicións, o percorrido estará deseñado para garantir a seguridade das e dos participantes, grazas a un dispositivo especial coordinado por Protección Civil e o servizo marítimo da Cruz Vermella.