Máis de 2.700 persoas inscritas na XVIII edición da Coruña 10, que se celebrará este domingo
A cidade prepárase para recibir este domingo, 6 de outubro, unha nova edición da Coruña 10, a clásica carreira popular que chega á súa XVIII edición. Máis de 2.700 persoas xa formalizaron a súa inscrición, confirmando o enorme éxito e consolidación desta proba no calendario deportivo anual da Coruña. O evento, organizado polo Concello en colaboración coa Federación Galega de Atletismo (FGA) e a Real Federación Española de Atletismo (RFEA), é unha cita ineludible para afeccionadas e afeccionados ao atletismo.
A carreira principal comezará ás 10:00 horas coa saída da categoría absoluta, a máis numerosa, xa que representa preto do 80% dos inscritos. O percorrido, totalmente urbano, terá a súa saída e meta na avenida da Mariña e transitará por algúns dos puntos máis destacados da cidade, como o Cantón Grande, o Cantón Pequeno, Linares Rivas e a rotonda da avenida do Exército. Desde alí, os corredores dirixiranse cara á Casa do Mar e o Porto, bordeando os peiraos de San Diego e Oza antes de regresar ao punto de partida.
Para as categorías inferiores, as competicións comezarán a partir das 11.45 horas coa saída da categoría sub-18, seguida polas categorías sub-16, sub-14, sub-12, sub-10 e peques. As saídas das diferentes categorías realizaranse a intervalos de 15 minutos, rematando a xornada deportiva ás 13.25 horas.
Servizos e recollida de dorsais
A recollida de dorsais e camisetas comezará este venres, 4 de outubro, no departamento de Deportes de El Corte Inglés, en horario de 17.00 a 22.00 horas. O sábado, os participantes poderán recoller os seus dorsais durante todo o día, desde as 10.00 ata as 21.30 horas. De maneira extraordinaria, habilitarase tamén un punto de recollida o propio día da carreira no Parrote, desde as 9.00 horas e ata media hora antes de cada proba.
Ademais, o Concello da Coruña facilitará unha serie de servizos complementarios para as persoas participantes. No Parrote disporanse WC e gardarroupa, mentres que o servizo de duchas estará habilitado na Cidade Deportiva de Riazor entre as 10.00 e as 13.30 horas. As persoas participantes poderán facer uso deste servizo presentando o seu dorsal da carreira.
A Coruña 10 converteuse ao longo dos anos nunha das probas máis populares e apreciadas polos corredores, tanto pola beleza do seu circuíto, que percorre lugares emblemáticos da cidade, como polo ambiente festivo e participativo que se vive en cada edición. O evento non só reúne deportistas locais, senón que tamén atrae atletas doutros puntos de Galicia e de España, contribuíndo a reforzar a posición da Coruña como un referente no deporte popular.
Toda a información relativa á carreira, incluíndo detalles sobre o circuíto e os servizos dispoñibles, pode consultarse a través das plataformas oficiais do Concello da Coruña e da Federación Galega de Atletismo.