Máis de 2.000 persoas celebran o Día da Bicicleta na Coruña nun evento pola mobilidade sostible

ACoruñaXa
A cita buscou promover o uso da bicicleta entre a cidadanía e tamén concienciar sobre a seguridade viaria
bicis-corunha
22 Jun 2025

A Coruña viviu unha xornada festiva centrada na bicicleta como medio de transporte sostible e como ferramenta para fomentar hábitos de vida saudables. O Día da Bicicleta, organizado pola Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (Agaxorde) coa colaboración do Concello, reuniu a máis de 2.000 participantes nun percorrido de 12 quilómetros que tivo como punto de saída e chegada o paseo do Parrote, pasando polo paseo marítimo coruñés.

A cita buscou non só promover o uso da bicicleta entre a cidadanía, senón tamén concienciar sobre a seguridade viaria e consolidar a imaxe da cidade como destino turístico sostible. Durante a saída do evento, estivo presente a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, quen destacou que “o Goberno de Inés Rey aposta pola bicicleta como medio de transporte sostible e así se reflicte nas numerosas melloras nos carrís bicis e no servizo de BiciCoruña”.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou na clausura da actividade, onde subliñou a importancia de fomentar un estilo de vida activo: “necesidade de inculcar hábitos de vida saudables á cidadanía e sumar persoas afeccionadas ao uso da bicicleta no día a día a través de eventos coma este”.

Como complemento ao evento, a cidade mantén aberta ata o vindeiro domingo 29 a exposición Historia do ciclismo na Coruña. 1889-2025, unha mostra documental que ofrece un percorrido pola traxectoria da bicicleta na cidade desde finais do século XIX. A exposición, comisariada por Lois Novo, quen traballou intensamente na súa preparación nos últimos meses, revela documentos e historias ata agora descoñecidas que axudan a entender a evolución do ciclismo na Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.15894198417664