Máis de 18.000 persoas participaron nos Circuítos Provinciais de Atletismo da Deputación

A Deputación da Coruña celebrou en ExpoCoruña o acto de entrega de premios do X Circuíto Provincial de Carreiras Populares e do II Circuíto de Atletismo en Pista, que contaron cunha participación histórica de máis de 18.000 persoas ao longo da tempada. O evento contou coa presenza do deputado de Deportes, Antonio Leira, o vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Eladio Gómez Rosales, e a deputada María del Mar Méndez.
Durante o acto, Antonio Leira destacou a importancia da colaboración institucional e deportiva para garantir o éxito da iniciativa. “Agradecemos a gran participación coa que contaron todas as probas, así como a extraordinaria labor de organización e coordinación que leva a cabo a Federación Galega de Atletismo para posibilitar que no circuíto poidan participar o máximo número de concellos e de deportistas de todas as idades”, subliñou.
Ao longo do ano celebráronse 35 carreiras populares en diferentes municipios da provincia e tivo lugar a segunda edición do Circuíto de Atletismo en Pista, destinado a menores de 14 anos e desenvolvido nas cidades da Coruña, Santiago e Ferrol.
En canto aos galardoados individuais, Ariadna Modia Caridad (Atletismo Riazor Coruña) e Esteban Díaz Pérez (Club Atletismo Narón) proclamáronse vencedores na categoría absoluta feminina e masculina, respectivamente. A acompañaron no podio feminino Silvia Sánchez Bascoy e Elvira Tresguerras González (Atletismo SAR), mentres que na categoría masculina completaron o podio Jaci Augusto Mello Birkhan (Atletismo Boimorto) e Adrián Garabato Lagares (Atletismo Santiago).
Tamén foron recoñecidos máis de 150 deportistas en distintas categorías, desde benxamíns ata veteranos, ademais doutros medio cento que obtiveron as mellores puntuacións.
No apartado por equipos, o Club Atletismo SAR acadou o primeiro posto na categoría absoluta masculina e o segundo na feminina. Pola súa banda, a SD Compostela Atletismo foi a vencedora na categoría absoluta feminina e segunda na masculina. Completaron o podio a Asociación Deportiva Olimpia (terceira en feminino) e o Club Noitebra (terceiro en masculino).
Nas categorías de menores, os mellores equipos femininos foron SD Compostela Atletismo, Atletismo Tambre e Atletismo Noia; mentres que en masculino destacaron SD Compostela Atletismo, Atletismo Tambre e Club Triatlón Compostela.
O éxito de participación e organización destes circuítos consolida a aposta da Deputación da Coruña e da Federación Galega de Atletismo polo fomento do deporte base e popular, fortalecendo a presenza do atletismo nos concellos da provincia.