Máis de 17.000 persoas daranse cita nos concertos de Quevedo na Coruña

ACoruñaXa
A cita coa cidade herculina será a única oportunidade de ver ao artista canario no noroeste peninsular en 2025
quevedo-corunha
8 Jul 2025

Máis de 17.000 persoas pasarán polo Coliseum da Coruña para asistir aos concertos de presentación de Buenas Noches, o novo traballo discográfico de Quevedo. A cidade acollerá en exclusiva no noroeste os únicos concertos do artista neste 2025, e faino por partida dobre cun espectáculo de produción avanzada e formato 360º.

O interese polas actuacións quedou demostrado xa desde o anuncio da primeira cita, o venres 26 de setembro, para a cal se esgotaron todas as entradas con cinco meses de antelación. A segunda xornada, o sábado 27, segue o mesmo camiño: xa ten vendido máis do 70 % das localidades dispoñibles, con zonas como o tendido medio xa esgotadas e outras, como a pista, a piques de completar aforo.

O Buenas Noches Tour arrancou en febreiro en Madrid, onde Quevedo esgotou tres días consecutivos no Movistar Arena. A proposta actual destaca por unha produción de alto nivel que reflicte a evolución persoal e artística do cantante, consolidando o seu estilo no panorama urbano en castelán.

A cita na Coruña apunta a ser unha das grandes do calendario musical en Galicia. Non só pola acollida do público galego, senón pola importante porcentaxe de asistentes doutras comunidades autónomas (15 %), especialmente de Asturias, Castela e León e Madrid. Ademais, un 5 % das entradas xa foron adquiridas por persoas residentes fóra de España, con Portugal, Reino Unido e Italia á cabeza da demanda internacional.

Un artista en crecemento

Pedro Luis Domínguez Quevedo, coñecido como Quevedo, naceu en Madrid en 2001 pero criouse en Gran Canaria, lugar que marcou o seu estilo musical, influenciado polo hip-hop, os ritmos latinos e a escena urbana da illa.

Buenas Noches é o seu segundo álbum de estudo, unha proposta que ofrece unha nova mirada á súa vida e ao mundo que o rodea, e coa que busca redefinir a música urbana en castelán. O disco mestura letras magnéticas, sons potentes e o estilo recoñecible de Quevedo, consolidándoo como un dos lanzamentos máis relevantes de 2024.

Cumprindo coa súa tradición de estrear música o 7 de xullo, Quevedo lanzou onte mesmo TUCHAT, un reggaetón íntimo que narra unha historia de amor complexa e que xa se perfila como candidata a canción do verán. A peza, producida por BLUEFIRE, GIO, GARABATTO e Pana YMB, conta cun videoclip dirixido por Héctor Herce.

Información dos concertos na Coruña

Venres 26 de setembro: entradas esgotadas. Apertura de portas ás 20.30 horas

Sábado 27 de setembro: últimas entradas á venda. Apertura de portas ás 20.30 horas

 

⚙ Configurar cookies
0.19188213348389