Máis de 160 nenos e nenas participarán na Coruña nos encontros lúdicos e deportivos do programa ‘Deporte no Centro’

Máis de 160 rapazas e rapaces de entre 3 e 5 anos tomarán parte nos encontros lúdicos e deportivos que diferentes centros educativos públicos da cidade acollerán entre o 12 e o 17 de decembro. As actividades forman parte do programa ‘Deporte no Centro’, desenvolvido polo Concello mediante un convenio coa Federación de ANPAS.
A iniciativa inclúe catro xornadas dedicadas a xogos e actividades compartidas, co obxectivo de favorecer que o alumnado poida convivir con compañeiros doutros centros e desfrutar dun programa especialmente deseñado para estas idades. O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, salientou que “os encontros lúdicos concibíronse para que as novas xeracións socialicen entre elas, disfruten e interioricen, por exemplo, valores como compartir, colaborar de forma colectiva e traballar en equipo”.
Os encontros desenvolveranse nos CEIP Manuel Murguía, María Barbeito, Sal Lence e San Francisco Xabier os días 12, 15, 16 e 17. Ademais das propostas lúdicas, haberá unha programación deportiva paralela con sesións de baloncesto no CEIP Sal Lence o día 12, co alumnado do propio centro e o do CEIP Zalaeta, e o día 17, xunto ao CEIP Víctor López Seoane. Tamén haberá un encontro de xadrez no Fórum Metropolitano o sábado 13, no que participarán estudantes dos CEIP Concepción Arenal, Juan Fernández Latorre, María Barbeito, Torre de Hércules e Zalaeta, ademais dunha xornada de atletismo no CEIP Juan Fernández Latorre o xoves 18, xunto ao CEIP Víctor López Seoane.