Máis de 12 millóns para manter a rede provincial: así se reparte o plan de estradas en 2026

A Deputación da Coruña aprobou este 27 de febreiro, en pleno, a primeira fase do Plan de Conservación de Vías Provinciais 2026, dotado con 12.242.041 euros, un 7,5% máis ca no exercicio anterior. A proposta saíu adiante cos votos favorables de PSOE, BNG e AV e a abstención do PP. O plan prevé actuacións de mantemento, reparación de firmes e pavimentación nos máis de 2.000 quilómetros de estradas da rede provincial para mellorar a circulación e reforzar a seguridade viaria.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, defendeu que manter en bo estado unha rede tan ampla é un labor 'continuo e prioritario' polo seu peso na mobilidade diaria e na actividade económica. A maior parte do investimento destinarase á renovación de firmes e capas de rodaxe e á mellora da sinalización horizontal e vertical. Pola contra, traballos como a limpeza e apertura de cunetas, drenaxes e instalación de defensas viarias supoñen arredor do 17% do total.
A conservación complétase con dous programas paralelos, un de reparacións urxentes e outro de roza e limpeza de marxes, cun orzamento que sobe en 2026 de 3,8 a 4,1 millóns de euros. A deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, destacou que o conxunto destas liñas supón un investimento medio de máis de 8.192 euros por quilómetro.
Os lotes que inclúen os concellos das Mariñas e contorna
O Plan distribúe os investimentos en 36 grupos de actuación por áreas xeográficas. No caso dos concellos das mariñas, estas son as partidas consignadas:
- Grupo 7 (Miño e Paderne, xunto con Cabanas e Pontedeume): 354.768,47 euros.
- Grupo 8 (Irixoa e Vilarmaior, xunto con As Pontes e Monfero): 272.614,73 euros.
- Grupo 9 (Oleiros e Sada): 449.988,07 euros.
- Grupo 10 (Cambre e Bergondo, xunto con Betanzos): 553.998,85 euros.
- Grupo 11 (Abegondo e Carral, xunto con Oza-Cesuras): 471.589,53 euros.
- Grupo 12 (Aranga, Coirós e Curtis, xunto con Betanzos e Oza-Cesuras): 404.358,28 euros.
- Grupo 13A (Ordes, xunto con Frades, Oroso e O Pino): 233.255,52 euros.
- Grupo 13B (Vilasantar, xunto con Boimorto e Mesía): 362.882,80 euros.
- Grupo 16 (Arteixo, A Coruña e Culleredo): 561.552,09 euros.
- Grupo 22 (Ordes, xunto con Santiago, Tordoia, Trazo e Val do Dubra): 415.235,89 euros.
Nalgúns casos, como Betanzos, Oza-Cesuras ou Ordes, o municipio aparece en máis dun grupo, ao repartirse a rede por lotes de conservación. En todo caso, o plan abrangue actuacións en toda a provincia, con investimentos distribuídos tamén noutras comarcas fóra destes concellos.