Máis de 1100 persoas protagonizaron a carreira popular de Matogrande-Xuxán

Máis de 1.100 persoas participaron na carreira popular de Matogrande – Xuxán, segunda cita do circuíto Coruña Corre, que continúa consolidándose como un dos eventos deportivos de referencia na cidade. A proba absoluta tivo como gañadores a Álvaro Presedo, na categoría masculina, e a Penélope Martínez, na feminina.
Por primeira vez, a carreira partiu da contorna da gran praza central de Xuxán, nun percorrido de 6.640 metros que atravesou os barrios de Matogrande e Xuxán, así como zonas do campus universitario de Elviña e da contorna de Someso. A novidade da saída e a boa climatoloxía favoreceron unha xornada deportiva cun ambiente excepcional.
Na categoría masculina, o podio completárono Nuno Moure e Antón Gómez, mentres que na feminina acompañaron a Penélope Martínez as atletas Inés Iglesias e Julia López.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, foi o encargado de dar a saída á proba, acompañado pola concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas. Vázquez tamén participou na entrega de medallas ás persoas gañadoras, destacando que “o circuíto Coruña Corre é un dos grandes éxitos deportivos do Goberno de Inés Rey, mellorando ano a ano con novos percorridos e máis persoas participantes”.
Durante a mañá disputáronse un total de sete probas, incluídas as categorías inferiores, facendo da cita unha festa do deporte e da convivencia veciñal.
O concelleiro Manuel Vázquez aproveitou para anunciar que en maio terá lugar a terceira proba do calendario: a XVI Baixada Popular de San Pedro de Visma, prevista para o domingo 11 de abril. “Animo a toda a cidadanía a participar nunha carreira cun percorrido espectacular que pasa polo parque de Bens e a súa contorna”, sinalou. O prazo de inscrición abrirase nos vindeiros días na mesma web do circuíto.