Máis de 100 persoas citáronse no primeiro encontro de barrio para definir o modelo de autobús urbano

O Centro Cívico de Mesoiro foi o escenario do primeiro dos once encontros de barrio que o Goberno de Inés Rey pon en marcha dentro do proceso participativo para a definición do novo modelo de autobús urbano. A sesión dá continuidade ao foro xeral celebrado o pasado sábado no Centro Sociocultural Ágora e marca o inicio dunha rolda de encontros por distritos que se desenvolverán ata xuño.
A alcaldesa, acompañada polos concelleiros Juan Ignacio Borrego e Yoya Neira, destacou a importancia deste proceso: “Esta iniciativa permítenos escoitar directamente á veciñanza e construír entre todos e todas un modelo de transporte público útil, sostible e pensado para mellorar a vida diaria das persoas”.
Máis dun cento de persoas participaron activamente nunha sesión que combinou a presentación técnica do estudo do transporte urbano cunha dinámica participativa. Durante o encontro, as persoas asistentes tiveron a oportunidade de formular propostas sobre aspectos como as frecuencias, as liñas, a accesibilidade, as conexións intermodais e a cobertura territorial.
Demanda de melloras no servizo
O distrito 9, onde se sitúa Mesoiro, conta cunha poboación de aproximadamente 12.500 habitantes e está servido por cinco liñas de autobús urbano (21, 23, 23A, 24, UDC), ademais do BUH, cun total de 80 paradas. Os principais fluxos de mobilidade diaria rexístranse co distrito 7 (21.460 viaxes/día), co distrito 8 (10.287) e dentro do propio distrito 9 (9.626 viaxes internas).
A participación no proceso mostrou un alto grao de interés por parte da cidadanía, xa que un 88 % das persoas asistentes acudiron a título persoal, fronte a un 7 % que representaban entidades asociativas e un 5 % institucións públicas.
A enquisa realizada durante a sesión revelou que case un 40 % das persoas asistentes son usuarias diarias do autobús urbano, mentres que outro 37 % o emprega ocasionalmente. Con todo, os datos evidencian unha ampla marxe de mellora no servizo, xa que un 64 % manifestou estar pouco ou nada satisfeito co sistema actual, fronte a un 35 % que se declarou entre "algo" e "bastante" satisfeito.
Puntos fortes e feblezas do transporte urbano
Segundo os resultados da enquisa, os prezos foron o aspecto mellor valorado polos usuarios, cunha puntuación media de 6,7 sobre 10. Seguiron a accesibilidade (4,5) e as liñas e paradas (3,3). Pola contra, os elementos con peor puntuación foron a intermodalidade (2,5), a frecuencia dos servizos (2,8) e o estado das marquesiñas (3,2), o que pon de manifesto a necesidade de melloras urxentes nestes eidos.
A cidadanía identificou como prioridades de mellora a frecuencia e os tempos de espera dos autobuses, aspecto sinalado por un 91 % das persoas participantes. Seguiron a intermodalidade con outros medios de transporte (56 %) e a adaptación das liñas ás necesidades dos barrios e novos puntos de interese (49 %). Outros factores mencionados foron a accesibilidade (29 %), a innovación dixital (21 %), a sustentabilidade (16%) e a concienciación para fomentar o uso do transporte público (13 %). Pola súa banda, un 12 % das persoas asistentes apuntou aos prezos como un aspecto a mellorar, o que indica que, malia as carencias do servizo, o custo non se percibe como un dos seus principais problemas.
O proceso participativo continuará nas vindeiras semanas con novos encontros nos diferentes distritos da cidade, permitindo que a cidadanía poida seguir aportando as súa propostas para o futuro modelo de autobús urbano da Coruña.