Máis de 10.200 persoas vibraron na primeira xornada da segunda edición do Recorda Fest na Coruña

ACoruñaXa
Eva Amaral e Juan Aguirre protagonizaron o concerto máis multitudinario da historia do Recorda Fest, nunha xornada chea de música e momentos inesquecibles
Imaxe do Recorda Fest 2024
7 sep 2024

Máis de 10.200 asistentes esqueceron a ameaza de chuvia durante o espectacular arranque da segunda edición do Recorda Fest, que se consolidou como un dos eventos musicais máis esperados da cidade. A xornada, que deu comezo o 6 de setembro, estivo marcada polo bo ambiente e un cartel cheo de momentos inesquecibles.

O festival arrancou ás 16.00 horas coas primeiras actuacións musicais, entre as que destacou a de Arrow, gañador do concurso promovido por Recorda Fest en colaboración con Vibra Mahou. A tarde continuou con Morochos, que animaron ao público co seu repertorio de temas festivos, e o deejay Adrián Loop, quen deu paso a Besmaya. O grupo, que presentou o seu novo disco, fixo unha homenaxe a Galicia cun verso adaptado da súa canción “El cable”, e destacou o cariño recibido en A Coruña, “a mellor cidade para recordar”.

A actuación de Sidonie foi un dos momentos máis esperados da noite. O grupo catalán entregouse por completo ao público, ofrecendo unha experiencia chea de enerxía e complicidade coas persoas asistentes. Os ritmos electrónicos de Haze e Bea Fernandes fixeron bailar aos asistentes entre cada actuación, mantendo o ambiente vibrante no Muelle de Batería.

Amaral foi, sen dúbida, o clímax da noite. Eva Amaral e Juan Aguirre ofreceron un concerto histórico, repasando os seus grandes éxitos como “Sin ti no soy nada”, “Como hablar” e “Marta, Sebas, Guille y los demás”. A entrega do público foi total, coroando a actuación como a máis multitudinaria da historia do festival.

A noite continuou coas actuacións de Rulo y la Contrabanda, quen mantiveron a conexión co público a través dos seus temas máis emblemáticos como “Por verte sonreír”. O festival pechou cunha Recorda Session, protagonizada polos deejays participantes, poñendo o broche de ouro a unha noite máxica que promete consolidar o Recorda Fest como un referente cultural en A Coruña.

0.18658494949341