Máis control sobre os xabarís con novos puntos de vixilancia en Fonte da Balsa e á espera de permisos en O Burgo

ACoruñaXa
O Concello de Culleredo reforza o servizo especializado de seguimento e captura tras rexistrar avistamentos en varias zonas, mentres segue pendente da autorización da Xunta para actuar xunto ao CEIP Isaac Díaz Pardo e en Tarrío
CULLEREDO jabalies
31 Mar 2026

O Concello de Culleredo intensifica o seu dispositivo de control poboacional do xabaril coa ampliación do traballo en varios puntos do municipio e cun seguimento máis preciso das zonas nas que se detectou presenza destes animais. O servizo, prestado por unha empresa especializada, forma parte da colaboración municipal ante un problema que afecta a toda Galicia e no que a competencia principal recae na Xunta, especialmente nos ámbitos periurbanos.

Un dos espazos nos que xa se está a actuar é Fonte da Balsa, en Vilaboa. Nesa contorna púxose en marcha un punto de cebado co obxectivo de crear hábitos nos exemplares detectados e facilitar posteriormente a súa captura con maiores garantías de éxito. O goberno local xa definira un punto nesta área o pasado outono e mesmo obtivera a preceptiva autorización autonómica, aínda que a colocación da gaiola non puido executarse ao non contar co permiso da propiedade do terreo. Nas últimas semanas optouse por unha nova parcela, esta vez xa viable para desenvolver a operación.

Outra das áreas consideradas sensibles é a contorna do CEIP Isaac Díaz Pardo, no Burgo. O servizo municipal traballou xunto coa dirección do centro para localizar os lugares máis frecuentados polos animais e realizar o cebado previo, mais a instalación da gaiola segue bloqueada pola falta da autorización da Xunta, solicitada en novembro do pasado ano. Segundo sinala o Concello, catro meses despois o permiso aínda non foi remitido, malia as reiteracións trasladadas á administración autonómica.

Tamén continúa pendente outra autorización para poder actuar en Tarrío, onde igualmente se produciron avistamentos. Neste caso, a tramitación acumula xa tres meses de espera, o que impide activar a seguinte fase do operativo.

Nas zonas nas que si chegou a luz verde da Xunta, o balance do servizo permitiu capturar nove exemplares. Os puntos definidos como prioritarios no estudo inicial foron o polígono de Alvedro, A Telva, Vilaboa, Castro Laxe, a contorna da N550 entre Vilaboa e Alvedro e tamén Fonte da Balsa.

O procedemento municipal desenvólvese en dúas fases. Nunha primeira etapa lévase a cabo a preparación e vixilancia, cun sistema de fidelización mediante cebado e coa avaliación da presenza de exemplares. Para iso instaláronse cámaras de seguimento remoto, unha ferramenta que permite aproximarse ao tamaño da poboación e coñecer mellor a súa distribución territorial e biolóxica. Unha vez obtida a correspondente autorización da Xunta, actívase a segunda fase, na que se colocan as gaiolas de trampeo e se executan as tarefas de captura, retirada e xestión dos animais.

0.12379288673401