Luz verde para converter o 'quiosco' de Vilaboa nun punto de encontro para a xente nova

O pleno municipal de Culleredo aprobou dar o primeiro paso para transformar o 'quiosco' abandonado da Praza da Igrexa, en Vilaboa, nun novo espazo de encontro dirixido á mocidade. A iniciativa, impulsada por Alternativa tras recoller a demanda de mozos e mozas da zona, saíu adiante co apoio de PSOE e BNG, mentres o PP optou pola abstención.
O acordo permitirá abrir o expediente para reservar unha partida orzamentaria que cubra tanto as obras de adaptación como un mantemento sostible da instalación. Ademais, o Concello prevé activar unha consulta pública na que participen mocidade, familias e veciñanza co obxectivo de deseñar o espazo segundo necesidades reais e propostas de uso.
Desde Alternativa sinalan que a proposta busca responder a tres eixos: recuperar un recurso público hoxe sen actividade, crear un punto de información e conexión coa área municipal de Xuventude, e paliar a falta histórica de espazos específicos para a mocidade no municipio. O grupo valora o respaldo recibido e defende que a reapertura do 'quiosco' pode contribuír a facer da praza un lugar máis vivo e útil, tamén pensado para a xente nova.