Luz verde ás obras do CEIP Vales Villamarín, en Betanzos

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe, nunha reunión extraordinaria, a licenza de obra para a reforma do colexio Vales Villamarín, unha vez completados os trámites por parte da Xunta. A alcaldesa, María Barral, agarda agora que, tal e como se concretou con responsables de Educación, os traballos comecen o antes posible aproveitando as vacacións estivais e poidan estar rematados para o inicio do curso escolar.
A rexedora indicou que se trata dunha obra moi agardada, desde hai anos, que completará a reforma dun centro de referencia como é o Vales Villamarín e que evitará que dentro do mesmo colexio siga habendo, en función da ubicación da aula, “alumnado de primeira e alumnado de segunda. A actuación era necesaria e tería que terse executado hai anos”.
Explicou que ao proxecto presentado pola Xunta se lle fixeron algunhas observacións, pero que non cabe dúbida de que “será un antes e un despois para un colexio no que estudan preto dun milleiro de alumnos”.
Entre as melloras previstas está o illamento térmico das fachadas mediante o sistema SATE e a substitución completa das ventás, que serán de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento. As persianas tamén serán substituídas por modelos con láminas de aluminio e illamento de poliuretano para maior eficiencia.
No interior, instalaranse falsos teitos rexistrables en aulas, comedor e salas de usos múltiples, mentres que nos almacéns e oficinas do comedor colocaranse teitos con acabado vinílico para facilitar a limpeza. Ademais, todas as luminarias serán substituídas por modelos de alta eficiencia enerxética.
Outras actuacións inclúen a reorganización da biblioteca, o comedor e a sala de usos múltiples para optimizar os espazos, dada a imposibilidade técnica de ampliar as zonas construídas, indicou a alcaldesa.