Luz verde ao novo centro didáctico do Castro de Elviña

ACoruñaXa
O Concello da Coruña adxudica por máis de 314.000 euros a construción dun espazo de apoio arqueolóxico e divulgativo para reforzar as visitas, as escavacións e a posta en valor do xacemento
Elviña aceso a croa e muro
Fotografía de Lansbricae a través de wikimedia.org
30 Mar 2026

O Concello da Coruña vén de adxudicar a construción do futuro centro didáctico e de apoio arqueolóxico do Castro de Elviña, unha actuación coa que o Goberno local quere reforzar a conservación, a divulgación e a actividade profesional arredor dun dos enclaves patrimoniais máis relevantes da cidade. O contrato foi concedido á empresa Citanias por un importe de 314.398,34 euros.

As obras, que comezarán nas vindeiras semanas, forman parte do plan municipal para remodelar de maneira integral a contorna do castro e mellorar os servizos vinculados ás escavacións e ás actividades educativas e interpretativas que xa se desenvolven no recinto. A intervención inclúe tamén a dotación dun peche perimetral.

A alcaldesa, Inés Rey, puxo o foco na necesidade de protexer e divulgar o patrimonio histórico da cidade. Neste sentido, salientou que 'temos que coidar e dar a coñecer as xoias culturais e históricas que temos nesta cidade. O Castro de Elviña fálanos cunha asombrosa claridade do que foi esta terra antes de que existise A Coruña'.

O novo edificio contará cun punto de información para visitantes e con espazos específicos destinados á realización de actividades divulgativas e interpretativas. O obxectivo é achegar á cidadanía a historia do asentamento, así como os traballos de escavación, investigación e reconstrución histórica desenvolvidos ao longo dos anos neste emprazamento.

O Castro de Elviña está considerado unha das grandes testemuñas da historia antiga coruñesa. Segundo as estimacións, estivo habitado entre os séculos III antes de Cristo e IV despois de Cristo, ocupa unha superficie de máis de catro hectáreas e conserva tramos de muralla que acadan os cinco metros de altura.

Ademais do seu valor arqueolóxico, o xacemento conta coa declaración de Ben de Interese Cultural, ao estar considerado un dos asentamentos máis importantes da Galicia setentrional. Coa nova actuación, o Concello busca dar un novo impulso á posta en valor dun espazo chamado a gañar peso tanto na investigación como na divulgación do pasado da cidade.

0.11794114112854