Luz verde ao convenio para mellorar o saneamento de Punta Langosteira con un novo colector Suevos–Bens en Arteixo

ACoruñaXa
O Consello de Ministros autoriza o acordo entre Xunta, Autoridade Portuaria da Coruña, Augas de Galicia e Concello de Arteixo para construír un colector interceptor e unha estación de bombeo no porto
ARTEIXO remodelacion puerto
30 Sep 2025

O Consello de Ministros autorizou o convenio entre a Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria da Coruña, Augas de Galicia e o Concello de Arteixo para mellorar a rede de saneamento do porto exterior de Punta Langosteira. A colaboración permitirá a construción dun novo colector interceptor Suevos–Bens en Arteixo que, ademais de conectar o porto co sistema municipal de saneamento, resolverá os problemas de capacidade que hoxe se producen en episodios de choiva intensa.

O proxecto inclúe tamén a creación dunha estación de bombeo na explanada portuaria para recoller as augas residuais de todo o recinto, reforzando así as infraestruturas dun porto de titularidade estatal e acompañando o seu crecemento. A obra supón un investimento de 2,7 millóns de euros, cofinanciado pola Autoridade Portuaria da Coruña —que achega 518.000 euros—, pola Xunta e polo Concello de Arteixo, e será executada por Augas de Galicia.

Segundo o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable, a actuación mellorará a capacidade hidráulica da rede en Arteixo, especialmente na contorna de Suevos, onde se veñen producindo desbordamentos puntuais pola maior achega de caudal tras a conexión co polígono industrial de Morás en episodios de fortes precipitacións.

⚙ Configurar cookies
0.1694700717926