Luz verde ambiental para unha plantación de aguacate en Montouto

ACoruñaXa
A Xunta emitiu informe favorable con condicións para o cambio de uso de 11 parcelas en Abegondo, cunha superficie superior aos 74.000 metros cadrados, aínda que o proxecto deberá completar aínda a súa tramitación
Aguacate xenérica
26 Mar 2026

A Xunta de Galicia deu luz verde ambiental ao proxecto para transformar solo forestal en agrícola en once parcelas da parroquia de Montouto, en Abegondo, co obxectivo de destinalas á produción de aguacate. A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático conclúe que a iniciativa non prevé impactos adversos significativos sobre a contorna, sempre que se cumpran os condicionantes recollidos no informe e na documentación avaliada.

A actuación está promovida por Frutas Geixade SC e afecta a unha superficie total de 74.531 metros cadrados no lugar de Brimieiro. Segundo a información difundida pola Xunta, os terreos atópanse case na súa totalidade sen vexetación arbórea e os traballos previstos céntranse en labores de acondicionamento para a futura plantación, sen movementos de terra de gran entidade nin xeración de sobrantes.

O informe ambiental supón un paso máis dentro da tramitación, pero non autoriza por si só a execución do proxecto. O promotor deberá obter aínda as autorizacións, licenzas, permisos e informes que sexan exixibles antes de poñelo en marcha. A resolución será remitida ao órgano substantivo e tamén se publicará a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería.

0.11616611480713