Luz verde ambiental para unha nova planta de valorización de residuos de construción en Cambre

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático vén de emitir unha resolución favorable ao proxecto para instalar unha planta de almacenamento e valorización de residuos da construción e demolición no parque empresarial do Espírito Santo, en Cambre. O informe de impacto ambiental (IIA), publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG), conclúe que a iniciativa non terá efectos adversos significativos, sempre que se cumpran os condicionantes recollidos na documentación presentada e na resolución autonómica.
A avaliación foi realizada mediante un procedemento simplificado, no que se someteu a documentación a participación pública sen recibir alegacións. Ademais, foron consultados oito organismos sectoriais, cuxas achegas e recomendacións técnicas quedaron incorporadas ao programa de vixilancia ambiental. Os informes consideran viable o proxecto sempre que se garantan medidas específicas en ámbitos como a protección atmosférica, a saúde pública, a xestión de residuos ou a calidade das augas.
A planta, promovida pola empresa Alsile3 SL, localizarase nunha parcela de 2.085 metros cadrados. O deseño prevé unha cuberta de 120 metros cadrados para a descarga e almacenamento inicial de residuos con fraccións impropias. Fóra desa estrutura metálica, habilitaranse diferentes espazos: unha zona de almacenamento de residuos limpos, outra de machaqueo e criba —onde operará maquinaria móbil—, e áreas para a provisión de áridos reciclados e materiais naturais.
Segundo a información facilitada, o obxectivo principal da instalación será o tratamento, clasificación e valorización de residuos procedentes das obras de instalacións eléctricas, tanto domésticas como industriais, executadas pola propia promotora. Tamén se contempla o almacenamento de materiais de escavación para a súa valorización posterior.
Dende a Xunta insisten en que a autorización ambiental non exime ao promotor de obter o resto de permisos e licenzas requiridos para poñer en marcha a actividade. A resolución completa xa está dispoñible na web da Consellería de Medio Ambiente.