Luz verde a uns orzamentos de 19,1 millóns mentres o Consorcio As Mariñas encara a nova recollida

ACoruñaXa
A entidade supramunicipal prevé licitar de maneira inminente o servizo e segue á espera de que A Coruña lle remita os pregos do tratamento en Nostián
PLENO consorcio mariñas
9 Apr 2026

O Consorcio As Mariñas aprobou este mércores por unanimidade os orzamentos de 2026, que ascenden a 19.148.725,96 euros, nun pleno no que tamén se avanzou na renovación dos servizos de recollida, tratamento e eliminación de residuos, as principais prestacións da entidade.

Na sesión participaron, ademais do presidente do Consorcio e alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, a alcaldesa de Betanzos, María Barral, a de Bergondo, Alejandra Pérez, a de Cambre, Diana Piñeiro, o alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, o de Culleredo, José Ramón Rioboo, o de Sada, Benito Portela, e a primeira tenente de alcalde de Oleiros, María José Varela.

A xestión do lixo concentra a maior parte do gasto previsto. Dos máis de 19,1 millóns de euros do orzamento, 16.369.204,10 euros destínanse a este servizo. Desa cantidade, 8.233.642,22 euros corresponden á recollida e 6.944.300 euros ao tratamento e eliminación dos residuos, cos impostos asociados.

Precisamente a renovación destes contratos ocupou boa parte do debate plenario. Os concellos xa dispoñen dunha proposta definitiva de pregos para a contratación do novo servizo de recollida. O pleno acordou fixar o 15 de abril como data límite para que os municipios introduzan cambios ou dean por validado o documento. Unha vez superado ese trámite, o Consorcio prevé publicar a licitación de forma inmediata, aínda que o procedemento terá prazos amplos ao ter que remitirse ao Diario Oficial da Unión Europea.

No tocante ao tratamento e eliminación dos residuos, Santiso explicou que a entidade continúa pendente de recibir do Concello da Coruña a documentación relativa aos pregos, que están á espera de aprobación na Oficina Nacional de Avaliación tras seren modificados. O presidente reclamou que, se se conta co Consorcio neste proceso, a información debería facilitarse aos municipios.

Santiso agarda manter unha nova reunión co goberno coruñés para trasladar despois aos alcaldes e alcaldesas os avances que se produzan. Ademais, lembrou que se mantén o compromiso de seguir en Nostián por un euro menos do que cobra Sogama mentres non entre en funcionamento o novo servizo, momento no que o Consorcio deberá decidir que modelo adopta.

A posta en marcha dos novos contratos de recollida e tratamento abrirá tamén a porta a revisar a actual ordenanza e a taxa. A intención da entidade é encargar este traballo a unha consultora especializada. Polo momento, as taxas que pagan os veciños mantéñense sen cambios e supoñen uns ingresos de 14.926.670,18 euros. A esta cifra súmanse 639.978,87 euros procedentes do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia. Segundo expuxo o interventor, a recadación non cobre a totalidade do custo do servizo.

Os oito concellos integrantes achegan 704.595,52 euros ao orzamento, dos que 409.344,35 euros se dedican á lacería, outro dos servizos compartidos. Ademais, 283.251,17 euros resérvanse para o Plan Coordinador de Servizos Sociais, que conta tamén con subvencións da Xunta de Galicia por importe de 120.481,39 euros e da Deputación da Coruña por 60.000 euros.

Noutros asuntos, o pleno aprobou tamén a actualización do custo do servizo de recollida de lixo que presta Prezero, cun incremento do 4,1 por cento debido principalmente á suba do IPC. Así mesmo, deu luz verde á adhesión do Consorcio ao convenio de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente para o tratamento de residuos de envases lixeiros domésticos e de papel e cartón dun só uso, un acordo que incorpora unha mellora económica para as entidades locais.

0.12873101234436