Luz verde á construción de 520 vivendas protexidas en Xuxán

ACoruñaXa
O Concello da Coruña poderá seguir coa tramitación do cambio do PXOM tras a aprobación da Xunta
Barrio de Xuxán na Coruña
20 Jan 2025

A Xunta de Galicia vén de dar luz verde á modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da Coruña, permitindo así a construción de arredor de 520 novas vivendas protexidas no barrio de Xuxán. A modificación foi promovida pola Xunta a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, mediante a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, asinou o Informe Ambiental Estratéxico (IAE), concluíndo que os cambios de uso no sector SURT-2 non terán efectos ambientais adversos significativos. No documento especifícase a obriga de cumprir cos obxectivos de calidade acústica e incluír a zonificación correspondente.

Este informe permitirá que o Concello da Coruña continúe coa tramitación da modificación do PXOM, publicándose tanto no Diario Oficial de Galicia como na web da Consellería.

A reordenación do sector SURT-2, situado entre Matogrande e As Flores, permitirá transformar terreos de uso terciario en solo residencial, respondendo á falta de demanda para oficinas e comercio na zona. En total, a Xunta prevé desenvolver 1.100 vivendas protexidas en Xuxán, sumando as 520 adicionais grazas a este cambio urbanístico.

0.16100597381592