Luz verde á actualización do Plan contra incendios forestais, que duplicará o número de fincas obrigadas a rozar na Coruña

O Pleno do Concello da Coruña deu o visto bo inicial á actualización do Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, unha revisión que amplía o protocolo existente a todo o termo municipal e reforza a protección das zonas habitadas. A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, explicou que o obxectivo é “preparar o territorio e coordinar esforzos, controlando os factores que poden provocar a declaración e a propagación de incendios forestais” e reducindo así o risco para persoas, bens e contorna natural.
Co novo marco, o número de fincas incluídas no rexistro de terreos que deben manterse rozados pasará das 1.192 actuais a 2.551 parcelas, máis do dobre. O documento abrangue parcelas situadas nas cinco parroquias do municipio (Elviña, Oza, San Cristovo das Viñas, Visma e Coruña) e céntrase especialmente na franxa periurbana suroeste, en ámbitos como A Zapateira, Feáns e San Pedro de Visma, caracterizados por menor densidade urbana e edificacións máis illadas.
Neira destacou que a actualización permitirá protexer mellor puntos especialmente sensibles, como centros educativos, residencias e centros de maiores, gasolineiras, a contorna da refinaría, as vivendas das zonas rurais, cemiterios, novos desenvolvementos urbanísticos e a área de Nostián. A aprobación inicial contou co respaldo unánime de toda a Corporación municipal, polo que a modificación do Plan sairá agora a exposición pública durante 30 días. A documentación poderá consultarse tamén nas dependencias da Concellería de Medio Ambiente, situadas na Casa da Auga.
Durante o debate plenario, a concelleira lembrou que o Goberno de Inés Rey está a reforzar o sistema de notificacións ás persoas propietarias das parcelas afectadas, primeiro mediante comunicación escrita e, se fose preciso, con requirimentos posteriores, lembrando que a normativa fixa o 31 de maio de cada ano como data límite para rematar os traballos de limpeza. Neira sinalou que, malia que en ocasións é necesario requirir actuacións, “o grao de cumprimento por parte das persoas propietarias está a ser elevado”. En caso de desatención das obrigas, é a empresa pública SEAGA, dependente da Xunta de Galicia, a que ten a competencia para intervir nos terreos.