Luís Rei Núñez: 'O amor acaba por imporse cando as protagonistas son mulleres fortes'

AMariñaXa | ACoruñaXa
O gañador do II Premio Álvaro Cunqueiro de Novela fala de 'Elas dúas', unha historia de amor entre dúas mulleres na Pontevedra de mediados do século XX, e do significado de ligar o seu nome ao de Cunqueiro
Luis Rei Nuñez
2 Jan 2026

Por Noelia Uceira.

Luís Rei Núñez vén de gañar o II Premio Álvaro Cunqueiro de Novela con 'Elas dúas', unha obra que reconstrúe con pulso narrativo a Pontevedra de posguerra e que pon no centro unha relación amorosa vivida á marxe das convencións sociais. Falamos co autor sobre o oficio, a cidade como personaxe e a dimensión humana dunha novela que quere ir máis alá do tempo no que se sitúa.

Que significou para vostede recibir o Premio Álvaro Cunqueiro cunha novela como 'Elas dúas', tan ligada á memoria, á sensibilidade e ás emocións silenciadas dun tempo pasado?
Para min, como para calquera autor, un recoñecemento público é importante porque dá visibilidade ao que se escribe: ao final o que un busca é chegar a máis lectores. E, ademais, que o certame leve o nome de Álvaro Cunqueiro ten unha forza especial, porque é un nome 'moi sonoro', con repercusión aquí e fóra, e iso tamén axuda a que os libros poidan viaxar. Tamén valoro moito que sexa un premio 'a cegas': preséntanse as obras sen nome e o xurado decide polo que percibe no texto, como nunha cata sen etiquetas. Iso invita ao optimismo e a seguir no oficio de xuntar palabras.

A Pontevedra de mediados do século XX convértese case nun personaxe máis da obra. Como foi o proceso de reconstruír literariamente esa cidade e esa época?
A intención inicial era contar unha historia de amor entre dúas mulleres fortes, de procedencias sociais e idades distintas. A partir de aí, a cidade e o tempo acaban collendo un peso decisivo: o relato sitúase nuns anos que eu describo como 'anos de penitencia' para o país, despois dunha guerra que aínda conservaba ecos importantes na sociedade. Nese marco, Pontevedra vai medrando no libro ata adquirir unha importancia que case a converte nunha protagonista máis.

A historia de amor entre dúas mulleres que viven á marxe das normas sociais é o eixo central da novela. Que lle interesaba explorar desa relación e do contexto no que se desenvolve?
No fondo é, antes que nada, unha historia de amor. Hoxe pode estar máis admitido, pero non sempre foi así, e por iso aparece o conflito. Interesábame ver como, fronte aos atrancos que se van presentando, acaba prevalecendo a vontade de dúas persoas que deciden manter a relación 'fronte a todo'. E iso sostense porque son dúas mulleres fortes.

O xurado destacou o 'mapa emocional' que atravesa a obra, con valores como a amizade, a formación persoal ou a raíz familiar. Son elementos recorrentes na túa narrativa ou xurdiron de maneira natural nesta historia?
O que eu teño moi presente, cando escribo sobre persoas e relacións, é a prioridade do sensible: esa parte intuitiva coa que nos achegamos aos sentimentos propios e alleos. A literatura permítenos retratar un ámbito que a miúdo está velado por moitas capas; escribir é ir retirando esas capas ata chegar ao 'miolo' do que nos move como seres humanos. Nese sentido, os vínculos (sexan amorosos, afectivos ou de pertenza) non se colocan 'de fóra', senón que xorden de maneira natural ao tentar volver ao humano.

Despois dunha longa traxectoria na literatura e no xornalismo, con premios tan relevantes como o Xerais ou o Blanco Amor, que supón este recoñecemento nunha etapa xa madura da súa carreira?
Eu subliñaría o mesmo: os recoñecementos ao longo da carreira son importantes sobre todo pola visibilidade, porque permiten que o que escribes chegue a máis lectores. E, no caso deste premio, tamén pesa o valor simbólico do nome de Cunqueiro e o feito de que o xurado escolle unha obra presentada sen firma: que cinco persoas lean e valoren o que fixeches pode representar a sensibilidade de moitos lectores, e iso dá ánimo para continuar.

Que pode agardar o público de 'Elas dúas' e que lle gustaría que permanecese con el unha vez pechada a última páxina?
A maior aspiración que podemos ter como autores é facer sentir a 'cadea fraterna' que nos une aos demais. Cando falamos de persoas e das súas historias, achegámonos de maneira intuitiva aos sentimentos: intentamos chegar a ese centro que nos move. Se ao rematar o libro queda esa sensación de regreso ao humano, eu xa me daría por satisfeito.

Que valor ten para vostede recibir este galardón en Mondoñedo, unha cidade tan ligada a Álvaro Cunqueiro, e que significado cre que ten hoxe un premio que aposta pola novela en lingua galega?
Ten unha singularidade clara: entrégase en Mondoñedo, que é unha cidade histórica, con importancia na Galicia do pasado e tamén como referencia hoxe. E eleva un nome, o de Álvaro Cunqueiro, que para min é único: non hai unha 'escola cunqueiriana' imitable, precisamente porque é irrepetible. Por iso é unha satisfacción inmensa que o meu nome quede ligado ao del deste xeito, porque o admiro moitísimo.

⚙ Configurar cookies
0.076778173446655