Lugo renova a Ofrenda ao Santísimo destacando a unión das cidades do Antigo Reino

O Concello de Lugo acolleu este domingo a tradicional recepción institucional previa á Ofrenda ao Santísimo Sacramento, un acto co que a cidade renova cada ano unha das súas tradicións máis antigas, instaurada en 1669 e recentemente recoñecida como Ben de Interese Cultural (BIC).
O alcalde Miguel Fernández fixo fincapé no carácter simbólico desta cerimonia, que vai máis aló do ámbito relixioso para reafirmar a irmandade entre as sete cidades do Antigo Reino de Galicia: Lugo, Betanzos, A Coruña, Mondoñedo, Ourense, Santiago de Compostela e Tui.
Durante o acto na Casa Consistorial, o rexedor vinculou esta unión á capacidade de traballar en común por obxectivos compartidos, e destacou a importancia do recoñecemento como BIC, que cualificou como “froito do esforzo conxunto”, cun recordo especial para a exalcaldesa Paula Alvarellos, “clave na súa consecución xunto ao Bispado”.
Fernández tamén quixo salientar as tradicións que unen a Lugo e Betanzos, como as festas de San Froilán ou San Roque, os seus centros históricos, as celebracións da Semana Santa ou a relevancia dos camiños de Santiago, ademais da aposta conxunta pola conservación do patrimonio natural e fluvial.
A alcaldesa de Betanzos, María Barral Varela, foi a encargada de realizar a ofrenda deste ano na Catedral. No seu discurso, fixo unha defensa dunha Galicia “inclusiva, diversa e aberta” e lembrou aos traballadores e traballadoras que loitan por un futuro mellor, á mocidade, ás familias afectadas pola pobreza e ás vítimas da guerra, pedindo pola paz e a reconciliación global.
Un dos momentos máis emotivos foi a súa petición en favor das mulleres que sofren violencia, ás que reclamou protección, xustiza e esperanza, cun chamamento á valentía para acadar unha igualdade real.
Barral tamén lembrou con especial afecto a Paula Alvarellos, definíndoa como unha persoa entregada á cidade de Lugo, cuxo exemplo debe guiar o traballo institucional a prol do ben común.
No remate da súa intervención, avogou por afastar a crispación e a confrontación política como paso necesario para resolver problemas e avanzar na construción dunha sociedade máis xusta.
Tras a recepción, as corporacións municipais de Lugo e Betanzos, xunto ao resto de autoridades, desprazáronse ata a Catedral para participar na misa solemne e na posterior ofrenda ao Santísimo Sacramento, renovando un ano máis unha das tradicións máis emblemáticas e significativas da cidade.