Lucas Pérez dará o pistoletazo de saída este xoves ás Festas de María Pita 2024 cun pregón no balcón do Concello
Este xoves, ás 21.00 horas, comezarán de forma oficial as Festas de María Pita, cunha ampla programación de concertos e festexos que terán o seu punto de partida coa lectura do pregón por parte do capitán do Real Club Deportivo, o coruñés Lucas Pérez, que estará acompañado no balcón de María Pita pola alcaldesa, Inés Rey, e por integrantes da directiva do Real Club Deportivo.
A rexedora destacou hoxe "o papel fundamental que tivo Lucas na consecución do principal obxectivo marcado polo club na pasada tempada, deixar atrás a Primeira RFEF" e puxo en valor "o agarimo que A Coruña e o deportivismo senten por un futbolista que sempre amosou o seu compromiso co Deportivo, coa súa cidade natal e, ademais, destaca pola súa proximidade coas veciñas e veciños, sendo como é un referente para as novas xeracións de coruñeses".
Como xa é habitual, a praza de María Pita estará aberta á cidadanía con vistas ao acto de lectura do pregón, ata se completar a capacidade máxima prevista na superficie da praza, onde profesionais da Policía Local e Protección Civil velarán pola seguridade das e dos asistentes.
Nos vindeiros días actuarán Los Planetas e Omar Montes, entre outros
A lectura do pregón marcará o inicio dun intenso mes de actuacións ao que abrirá camiño a cantante belga Kate Ryan (xoves 1, 22.00 horas), que abre o ciclo de concertos das Noites de María Pita. Xa no que resta de semana será a quenda de Mocedades e Los Panchos (venres 2, ás 22.00 horas), Los Planetas (sábado 3, 22.00 horas) e o espectáculo Rock en Familia, ideado para o público infantil e familiar (domingo 4, ás 20.00 horas).
A vindeira semana comezará con Omar Montes nos escenarios da praza de María Pita (luns 5, 22.00 horas), que irá seguido do festival Locos pola Música (martes 6, 22.00 horas). Modestia Aparte, Los Toreros Muertos, Amistades Peligrosas, OBK, Un Pingüino en Mi Ascensor e Hechizo -en homenaxe aos Héroes del Silencio- estarán sobre as táboas.
Tamén a mediados da vindeira semana arrincará motores a nova edición de concertos do Festival Noroeste Estrella Galicia, con Crystal Fighters, Vetusta Morla e Xoel López como cabezas de cartel, e que será un dos pratos fortes das festas deste mes, con actuacións na praia de Riazor e o parque de Santa Margarida, entre máis localizacións, do 7 ao 10 de agosto.
Tras a súa celebración, volverán as Noites de María Pita á praza. Será o luns 12 de agosto, con La Plazuela (22.00 horas). Un día despois, o martes 13, actuará o arxentino Ariel Rot, e será o galego Budiño, o mércores 14, o que porá o peche ao ciclo de concertos das Noites de María Pita.
Cómpre lembrar que a programación das Festas de María Pita 2024 tamén inclúe a Feira do Libro, que comeza este xoves 1, o Trofeo Teresa Herrera de fútbol (9-10 agosto), o Festival Internacional de Folclore (7-11 agosto), a 27.ª edición de Viñetas desde o Atlántico (12-18 de agosto) a Batalla Naval (16 de agosto), a Semana Clásica (17-20 agosto), o Certame de Habaneras (21-25 agosto) e a Romaría de Santa Margarida (29 de agosto ao 1 de setembro).
O programa completo das Festas de María Pita xa se pode consultar na web do Concello. A súa descarga está habilitada nesta ligazón.