Luar na Lubre esgota as entradas do concerto do venres na Coruña
O grupo Luar na Lubre dará un concerto este venres 26 de xaneiro, ás 20.30 horas no teatro Colón da Coruña. Evento para o cal esta semana se esgotaron as últimas entradas dispoñibles.
Este concerto é o segundo dos concertos incluídos na programación do ciclo 'Folk no Colón', unha iniciativa cultural que busca visibilizar o talento musical dos artistas e agrupacións galegas.
Na súa actuación no Teatro Colón, Luar na Lubre presentará as cancións do seu último traballo: 'Luar na Lubre XX. Encrucillada'. Editado nun formato libro-disco, que recolle varios dos temas máis emblemáticos do grupo coruñés. Ademais do repertorio musical, o disco recolle unha ampla cronoloxía fotográfica e literaria da historia do grupo, cos testemuños de máis de 60 personalidades da música, a literatura e o xornalismo.
Este álbum contén un tema moi especial para a banda galega: é a canción 'El largo Camino de Santiago', que compuxo e gravou o cantautor cubano Pablo Milanés antes do seu falecemento. Trátase dunha das xoias deste vixésimo traballo de Luar na Lubre.