Losán leva a protesta a Teixeiro para pedir unha saída industrial


A crise de Industrias Losán volverá ás rúas este mércores en Teixeiro. O comité de empresa chamou á veciñanza a participar nunha concentración ás 12.00 horas diante da Casa do Concello para reclamar o cobro das nóminas pendentes e un futuro industrial para a comarca, nun momento no que acaba de solicitar formalmente á Xunta e á SEPI unha reunión urxente tras dar por fracasado o 'Plan A' de reestruturación e denunciar que a dirección segue sen aclarar o contido, a viabilidade nin os prazos do chamado 'Plan B'.
A representación das persoas traballadoras sostén que a fábrica de Curtis é unha peza clave no emprego industrial da zona e reclama unha mesa de traballo na que participen Xunta, SEPI, IGAPE, dirección da empresa, alcaldías de Curtis e Vilasantar e o propio comité. O obxectivo, segundo trasladan, é coñecer con transparencia a situación económica real da compañía e estudar un plan de viabilidade que garanta a continuidade da actividade e dos postos de traballo. O conflito alcanza en Galicia arredor de 200 empregos directos entre Curtis e Vilasantar, ademais dun importante volume de ocupación indirecta ligada ao transporte, á madeira e ás actividades auxiliares.
A mobilización de Teixeiro chega despois de varios meses de protestas. En febreiro, a plantilla xa se concentrou diante da Delegación do Goberno na Coruña para reclamar a implicación activa da SEPI e en San Caetano para pedir máis compromiso á Xunta. Nesas accións, o persoal denunciaba impagos salariais e insistía en que a empresa debía presentar un plan industrial con garantías reais de continuidade.
A presión social atopou tamén eco político. A Deputación da Coruña aprobou por unanimidade a finais de xaneiro unha declaración institucional de apoio ao persoal, na que insta á dirección do grupo a presentar unha solución seria e pide á Xunta e ao Goberno do Estado que impliquen calquera apoio público na defensa do emprego e no cumprimento das obrigas laborais. Ademais, no Congreso quedou rexistrada en febreiro unha iniciativa que reclama un papel activo da SEPI e a apertura de canles de comunicación coa empresa, coa Xunta e cos comités para participar no deseño dun plan de viabilidade para o Grupo Losán.
Con ese pano de fondo, a concentración convocada en Teixeiro busca converterse nun novo aviso sobre a dimensión dun conflito que vai máis alá da propia fábrica. Os representantes dos traballadores levan semanas advertindo de que o futuro de Losán non afecta só ás familias da plantilla, senón tamén ao tecido produtivo dun amplo ámbito rural no que a madeira continúa a ser unha actividade estratéxica.