Lorbé celebra a X Festa Gastronómica da Centola este sábado 22 de novembro

Oleiros prepárase para gozar unha das súas citas culinarias máis consolidadas: a X Festa Gastronómica da Centola, que se celebrará este sábado 22 de novembro no Porto de Lorbé a partir das 13.00 horas. A iniciativa, promovida pola Confraría de Pescadores de Lorbé, ofrecerá unha ampla degustación de mariscos frescos baixo unha gran carpa, coa centola como protagonista e a incorporación tamén do mexillón entre as propostas dispoñibles.
A organización garante a máxima calidade e a orixe certificada do produto, que poderá degustarse tanto no recinto do porto como nos distintos restaurantes colaboradores da zona, entre eles o Restaurante Puerto de Lorbé, Casa Méndez, A Escola, A Cortiña ou Casa do Arxentino.
A festa, xa convertida nun referente gastronómico no municipio de Oleiros, busca poñer en valor o traballo da confraría e a riqueza mariñeira da contorna, ofrecendo ao público unha oportunidade única para saborear marisco fresco e de proximidade nun ambiente festivo.