López Campos analiza co alcalde de Arteixo os cambios na Lei de Patrimonio para axilizar a protección dos bens culturais

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, mantivo unha xuntanza co alcalde de Arteixo, José Carlos Calvelo, na que abordaron asuntos de interese para o concello, entre eles a adaptación da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia que, segundo explicou a Xunta, facilitará ás administracións locais unha protección dos bens máis áxil e eficaz.
No encontro, López Campos detallou que as modificacións previstas a través da Lei de acompañamento dos Orzamentos sobre a Lei 5/2016 buscan recortar os tempos de tramitación tanto para a cidadanía como para as institucións. O obxectivo, indicou, é que a salvagarda do patrimonio non se converta nun atranco para o desenvolvemento de proxectos vitais ou profesionais.
A Xunta lembrou tamén que na actualidade é a única administración que informa sobre bens patrimoniais de todo o territorio con independencia do seu nivel de protección, unha tarefa que supón a xestión anual duns 30.000 expedientes, con prazos de resolución aproximados de entre seis e 12 meses.
Ademais do capítulo normativo, o conselleiro e o rexedor arteixán analizaron posibles liñas de colaboración para a renovación de infraestruturas e para impulsar actividades e programacións culturais no concello.