Lois, Asociación Cultura Aberta de Carral: "O fotógrafo Manuel Ferrol tiña un gran vínculo con Carral"

ACoruñaXa
Dende esta asociación, poñen todo o seu cariño e empeño en promover o valor do patrimonio cultural e da memoria histórica vinculados ao pasado, presente e futuro de Carral
Imaxe do grupo de música tradicional Arnela da Asociación Cultura Aberta de Carral
6 Maio 2024

Miriam García

Lois Anxo é un amante da cultura galega e da tradición. O carralés leva máis de seis anos ao fronte da Asociación Cultura Aberta de Carral, unha das agrupacións culturais máis activas do concello das Mariñas Coruñesas. Dende esta asociación, poñen todo o seu cariño e empeño en promover o valor do patrimonio cultural e da memoria histórica vinculados ao pasado, presente e futuro de Carral, como buscan facer a través de iniciativas como o Concurso Fotográfico Manuel Ferrol, que organizan dende hai uns anos.

- Que é a Asociación Cultura Aberta de Carral?

Naceu no 2004 coa idea de promover a cultura galega. Nun principio funcionabamos soamente no concello de Carral pero, co tempo fomos transcendendo a outras zonas da provincia da Coruña e de Galicia. Agora incluso facemos actividades de eido comarcal e a nivel nacional como o concurso de fotografía.

As nosas actividades céntranse en catro campos de traballo: a memoria histórica, a escola de música e o grupo de música tradicional, o concurso de fotografía Manuel Ferrol e despois todo o que estea relacionado coa defensa da lingua galega.

- Con que idea botou a andar a asociación?

A asociación xurdiu coa idea de cubrir un baleiro cultural que había en Carral. Naquel momento non había demasiadas asociacións culturais que incidiran no patrimonio cultural do municipio. Así que consideramos que había un baleiro importante e que este debía de ser cuberto. A día de hoxe continuamos a ser unha asociación bastante dinámica e que organiza moitas actividades.

- Como foi a súa evolución dende o seu nacemento ata agora?

A verdade é que a evolución foi moi positiva. Si que é certo que tivemos altos e baixos, pero sempre estamos con moitas ganas de traballar e de facer cousas. Penso que a proxección da asociación foi cada vez a mellor, especialmente dende que decidimos centrarnos nas áreas de traballo sen intentar abarcar máis porque non íamos a ter a capacidade suficiente para facelo.

-Con cantos socios conta agora mesmo Cultura Aberta?

Agora mesmo somos 39 socios, algúns levamos nela dende a súa fundación.

-En que consiste o traballo da área de música?

Por un lado temos a escola de música tradicional, que leva funcionando dende o ano 2009. A través dela impartimos clases os sábados pola mañá de instrumentos tradicionais como a gaita, o acordeón, a pandeireta e o bombo, entre outros. Á escola pode apuntarse todo aquel que queira para aprender a tocar instrumentos tradicionais.

E, doutra banda, temos o grupo de música tradicional Arnela, que naceu no seo desa escola, e co que percorremos Galicia enteira interpretando pezas musicais. Cancións que nós mesmos recopilamos de forma manual da xente maior da parroquia de Lugar a Cabra en Carral. A verdade é que eliximos este lugar porque nos dixeron que a xente maior de alí aínda conservaba e lembraba o folclore da nosa comarca e nós buscábamos algo propio e do noso concello.

O grupo forma parte da Rede Cultural de Deputación da Coruña e da Rede Dinamizar do Goberno de España. Tamén editamos un disco.

-Dende a Asociación apostades pola recuperación da memoria histórica. Que actividades ou accións impulsades?

Organizamos xornadas de memoria histórica en Carral dende fai máis de dezaseis anos. Nelas tivemos a representantes da memoria vida, é dicir, persoas que viviron a represión franquista e que viñeron a compartir as súas historias de vida, como foi o caso de Elixio Rodríguez. Froito diso tamén editamos catro libros relacionados coa historia de vida desas persoas, recompilando as cousas que nos contaron.

Ademais, adoitamos contar con historiadores e investigadores de universidades galegas e doutras Universidades a nivel estatal como a de Sevilla, a de Granada e a de Navarra. Tamén inauguramos un monumento aos represaliados no Cemiterio de Beira, nunha parroquia de Carral, porque era alí onde os asasinaban durante o tempo do Golpe de Estado e da ditadura franquista.

-Por que elixístedes reivindicar o labor do fotógrafo galego Manuel Ferrol cun premio fotográfico?

Eliximos homenaxear a figura do fotógrafo da emigración Manuel Ferrol porque estivo moi vinculado ao concello de Carral. Tivo un estudo de fotografía no pobo e aínda que el era orixinario de Malpica, fixo moita vida activa e social coa xente de Carral.

Levamos seis anos organizando o certame fotográfico e nel participa moita xente de diferentes puntos de España. A verdade é que estamos tendo bastante éxito con el, nesta última edición recibimos 256 fotografías presentadas por 83 fotógrafos.

Todos os anos  organizamos unha mostra das fotografías no campo da Feira de Carral, aproximadamente sobre o meses de xuño e xullo. Ademais, durante ese mesmo acto, lanzamos a convocatoria da edición seguinte do premio.

-Que outras actividades facedes?

Tamén facemos presentacións de libros, campañas de promoción da lingua galega e creamos un xogo de mesa estilo preguntoiro sobre  curiosidades das Mariñas Coruñesas.

-Tendes contacto coa xente moza?

Si, de feito nas nosas actividades hai xente nova e mesmo no grupo de música tradicional Arnela. As nosas xornadas tamén veñen rapaces novos e no concurso de fotografía participan moitos.

- Como percibe a xente de Carra á asociación?

A xente coñécenos e participa nas actividades. A verdade é que estamos moi contentos porque, por exemplo, cando organizamos as xornadas de Memoria Histórica, ven moitísima xente en comparación con cando comezamos con elas. Fomos gañando prestixio e a xente vai coñecéndonos e interesándose polas nosas actividades.

-Como de necesarias son este tipo de agrupacións culturais?

As asociacións culturais de base son fundamentais, o foron sempre no pasado e seguen a ser. Abarcamos unha serie de actividades que non as teñen nin as institucións nin as empresas de xestión cultural.

É necesario que exista un movemento social e participativo entre os veciños no ámbito cultural. Porque, que seriamos unha comunidade, un pobo, unha vila, un concello sen que a sociedade civil se reunise, participase e fose activa culturalmente? Este tipo de asociacións foron as que forxaron e preservaron unha cultura no País e que prevalece hoxe en día.

0.22147417068481