Licitada por máis de 146.000 euros a renovación integral das pistas do CEIP Barrié de la Maza, en Sada

O Concello de Sada vén de sacar a licitación o proxecto de reparación integral das pistas deportivas do CEIP Pedro Barrié de la Maza, unha intervención coa que se busca poñer a punto un espazo clave no día a día do centro e mellorar as condicións de seguridade para o alumnado. O orzamento total ascende a 146.375,24 euros, con financiamento do Plan de Obras e Servizos de 2025.
Os traballos previstos inclúen a renovación completa da superficie de xogo, coa execución dun novo revestimento deportivo mediante resinas acrílicas específicas, a nivelación do firme e o marcado regulamentario para distintas disciplinas, como baloncesto, voleibol, fútbol sala e balonmán.
A actuación tamén abrangue as gradas, onde se realizará unha reparación con recheo e regularización con formigón, ademais da colocación de novas varandas e pasamáns para reforzar a protección en zonas con desniveis e reducir o risco de caídas.
Dende o goberno local subliñan que esta obra se enmarca no compromiso co ensino público e co impulso do deporte base, coa mellora de instalacións que repercuten no benestar da infancia e da mocidade e de toda a comunidade educativa. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 9 de marzo de 2026.