Leticia Rey, cantante: "Sinto unha conexión de enerxía especial coa cidade da Coruña"

ACoruñaXa
A artista actuará o vindeiro 13 de xuño no Jazz Filloa na rúa do Orzán da Coruña
Imaxe da cantante Leticia Rey
9 Xuño 2024

A vida de Leticia Rey (Vila de Cruces, 1995) sempre estivo rodeada de música e de instrumentos. As composicións desta rapaza, filla adoptiva de Culleredo dende fai uns anos, beben moito do jazz e estilos como o folk e o indie. O vindeiro 13 de xuño actuará no Jazz Filloa na rúa do Orzán da Coruña.

- Fálanos dos teus inicios na música

A música sempre formou parte de min. Con 11 anos comecei a estudar solfexo e piano na escola municipal de Vila de Cruces, o pobo meu pobo natal. Máis adiante pasei á guitarra e xa con 18 e 19 anos, púxenme a estudar canto e técnica clásica na Coruña. Aí foi cando lle empecei a dar máis importancia ao tema da composición de pezas musicais.

- Como defines o teu estilo musical?

Está é a pregunto do millón (risa), é un caixón desastre. Bebín de moitas fontes, tampouco é algo estático senón que ten vida e vai mudando. Vaste nutrindo e aprendendo de fontes e de persoas que te atopas no camiño. Gústame moito o jazz e teño unha clarísima tendencia cara este estilo, tamén cara a psicodélica, o indie e o folk dos países nórdicos e escandinavos.

- Es de Vila de Cruces (Pontevedra), pero estás asentada en Culleredo...

Estudei Filoloxía Inglesa na Universidade de Santiago, así que durante catro anos vivín a cabalo entre Santiago, para estudar a carreira; A Coruña, porque tiña aquí ao meu mestre de canto e, a miña casa en Vila de Cruces. Co tempo fun armando a miña rede na Coruña e cada vez tiña máis clara a decisión de mudarme de xeito definitivo.

- Como foi a primeira vez que actuaches fronte a un público?

Tiña 15 anos, a piques de cumprir os 16. Foi nun festival de novas voces e talentos que se organiza cada ano meu pobo. A verdade é que unha amiga me fixo unha encerrada (risas), coñecía a un dos organizadores e arrastroume a falar con el. Ao final animeime a participar porque no fondo quería facelo, pero morría de pánico cada vez que pensaba en cantar diante dun grupo de xente.

- Sempre quixeches ir en serio coa música?

Si, o que tiven que pensar ben foi se realmente quería seguir en serio con ela. Unha cousa é que cando tes 5 anos che guste cantar, que haxa algo que latexa dentro de ti, pero outra distinta  é que tes que ver claro cara onde camiñas. Penso que teño a sorte de habelo tido sempre bastante claro.

- Galicia ten algún tipo de vinculación coa túa música?

Si. Por un lado, o feito de nacer no rural galego, nunha pequena vila preto de Lalín e rodeada de tan poucos estímulos a todos os niveis foi algo súper positivo para a miña creación artística, porque puiden afastarme do ruído durante a maior parte da miña vida ata que me vin a vivir a cidade con 18 anos. Vivín en contacto coa natureza e con ese silencio que che abre portas internas moi importantes.

Doutro lado, un dos meus maiores referentes musicais é o grupo de folk galego Berrogüetto. Aínda que non seguen activos, si que foron un descubrimento e unha inspiración enorme para min cando tiña 16 anos e estaba en clases de guitarra.

- Como é o teu proceso creativo?

Non son mamá, pero imaxino que cada fillo é un parto diferente, o mesmo acontece con cada canción. Hai un patrón no que é o nacemento da melodía, que se fai antes que nada e logo, hai que harmonizala con acordes básicos e ir engadindo riqueza musical. A letra adoita ser das últimas cousas que se fan.

Un dos meus fetiches é tocar a escuras, é algo que me resulta moi inspirador, Cando teño unha idea agardo á noite e toco diante dunha venta a escuras, gústame que entre a luz natural da noite ou acender unha luz moi tenue. Axúdame a sacar os meus sentimentos fóra.

- A zona da Coruña inspírate dalgún xeito á hora de compoñer pezas?

Si, totalmente. De feito, os primeiros temas que saquei a luz compúxenos cando vivía en Santa Cristina en Oleiros no 2019 con 24 anos. Sempre tiven claro que quería rematar establecéndome na Coruña. Penso que hai lugares que enerxeticamente encaixan cunha persoa, eu sempre sentín unha conexión especial con esta cidade. Cando comecei a vivir aquí nos meus ratos libres naceron moitas cancións coa miña guitarra en man.

- Tes un álbum e varios sinxelos publicados, ¿como te sentes ao respecto?

Moi feliz e orgullosa porque sempre me custou moito animarme a publicar a miña música e teño moitos bloqueos. O certo é que te atópaste moitas dificultades durante o camiño para sacar un disco e cando ves que esa parte de ti mesma, tan íntima e á que lle puxeches tanto amor, sae á luz e se volve inmortal é unha grande alegría.

- Como ves o teu futuro na música?

Namorada deste camiño, penso que é o único necesario para continuar. Ademais de que o vexo dende un enfoque saudable, xa que a longo prazo non sabes cara onte te vai levar a túa carreira musical, pero simplemente agardo que me faga feliz e poder percorrelo o máximo tempo posible. Tamén rodeada de persoas que enriquezan o camiño a nivel persoal e musical.

- Podes adiantarnos algún plan de futuro?

Estou traballando no meu novo disco con outros músicos diferentes e que será integramente en galego. Estou moi emocionada e con ganas de seguir medrando. Ademais, no verán véñense cousiñas moi chulas.

 

 

0.20429110527039