Leti da Taberna presentará en Arteixo o seu monólogo “Enredada” sobre redes sociais e feminismo

O Auditorio do Centro Cívico Cultural (CCC) Manuel Murguía de Arteixo será escenario este venres 11 de xullo, ás 20.30 horas, do estreo de “ENREDADA”, o primeiro monólogo de Leti da Taberna.
Trátase dun espectáculo en galego que mestura humor, ironía e unha marcada perspectiva feminista para analizar o impacto das redes sociais na vida cotiá. Durante unha hora, o público poderá gozar dunha actuación chea de enerxía, luz e, sobre todo, moitas risas.
O monólogo está dirixido a público xuvenil e adulto a partir de 12 anos. O acceso será con invitación, que se pode recoller na páxina web do Concello ou, unha hora antes do inicio, no despacho de billetes do Centro Cívico.
Desde a organización animan a “prepararse para rir... e reflexionar”, nun evento impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Servizo Municipal de Cultura do Concello de Arteixo.