LesCoruña presenta este sábado un informe sobre a soidade non desexada en mulleres lesbianas e bisexuais

ACoruñaXa
A xornada, que terá lugar mañá no espazo Teu Teu, incluirá unha mesa redonda, un monólogo e unha sesión DJ para fomentar a socialización
lescoruña
15 Nov 2024

A asociación LesCoruña, en colaboración co Concello, presentará mañá sábado 16 de novembro un informe que analiza a soidade non desexada en mulleres galegas lesbianas e bisexuais. O acto, que se celebrará ás 20:00 horas no espazo Teu Teu (Orzán 96, A Coruña), incluirá unha mesa redonda na que intervirán Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social do Concello, Kika Fumero, exdirectora do Instituto Canario de Igualdade, e Eva Mejuto, escritora e activista.

Unha xornada para compartir e socializar
Tras a presentación do informe, a xornada converterase nun punto de encontro para fomentar a socialización. Ás 22:00 horas terá lugar o monólogo A bollera perfecta, a cargo da educadora social Pitu Aparicio. As entradas para o monólogo están dispoñibles en Woutick por 7 euros. A festa continuará cunha sesión de DJ Saraiba, que estará pinchando ata as 3:00 da madrugada.

LesCoruña, unha entidade de referencia en Europa en 2024
LesCoruña, a Asociación de Mulleres pola Igualdade e Visibilidade Lésbica de A Coruña, leva dende 2018 promovendo a diversidade na cidade a través de encontros e actividades. Este 2024 foi recoñecida pola entidade EuroCentralAsian Lesbian* Community como unha das asociacións LBTI máis relevantes a nivel europeo, grazas a un proxecto cofinanciado pola Unión Europea.

Entre as súas iniciativas destacan os encontros mensuais Unha habitación propia, para visibilizar a mulleres emprendedoras; o Coro Coruña Cores, creado en 2022 e dirixido por Pablo Méndez; e a xornada anual de Diversidade Afectivo Sexual, que en edicións anteriores se centrou na literatura (2021) e nas series de televisión (2022).

0.19183897972107