LesCoruña alerta de que o 62% das mulleres lesbianas galegas se senten soas debido á súa orientación sexual

ACoruñaXa
A asociación presenta o primeiro informe sobre a soidade non desexada entre mulleres lesbianas e bisexuais en Galicia, en colaboración co Concello da Coruña
Imaxe recurso soidade
20 Nov 2024

A asociación LesCoruña, en colaboración co Concello da Coruña, presentou os datos preliminares do primeiro informe sobre a soidade non desexada en mulleres lesbianas e bisexuais galegas. Este estudo pioneiro busca visibilizar as dificultades e desafíos que afronta este colectivo, marcados pola discriminación, o ocultamento e a falta de redes de apoio.

O informe continuará cunha segunda fase de enquisas online e anónimas, que se poden cubrir a través do enlace. Os datos revelan cifras preocupantes que reflicten o impacto da orientación sexual no benestar emocional e social das mulleres enquisadas.

Principais cifras do estudo

  1. O 62% das mulleres lesbianas enquisadas experimentaron depresión relacionada coa súa orientación sexual.
  2. Un 42,4% de lesbianas e bisexuais declara ter baixa autoestima.
  3. O 62% manifesta insatisfacción vital en relación a como vive a súa sexualidade.
  4. Só o 21,8% das mulleres bisexuais está fóra do armario no ámbito laboral.
  5. A metade das enquisadas admitiron ocultar a súa orientación sexual nalgún momento para evitar conflitos ou discriminación.

Estes datos poñen de manifesto a necesidade de seguir impulsando políticas inclusivas e accións de visibilidade que favorezan o benestar emocional das mulleres lesbianas e bisexuais en Galicia.

LesCoruña: un referente europeo en 2024

LesCoruña, Asociación de Mulleres pola Igualdade e Visibilidade Lésbica, leva traballando dende 2018 pola diversidade e polos dereitos das mulleres lesbianas e bisexuais na Coruña. O seu traballo traspasou fronteiras, sendo recoñecida en 2024 como asociación de referencia por EuroCentralAsian Lesbian* Community grazas a un proxecto cofinanciado pola Unión Europea.

Entre as súas iniciativas destacan:

  • Os encontros “Unha habitación propia”, para dar visibilidade a mulleres emprendedoras.
  • O Coro Coruña Cores, creado en 2022 e dirixido por Pablo Méndez.
  • As xornadas anuais de Diversidade Afectivo-Sexual, cun enfoque na literatura en 2021 e nas series de televisión en 2022.
0.19653606414795