Las Migas levarán ao Teatro Colón da Coruña o seu flamenco máis premiado o 30 de novembro

ACoruñaXa
O cuarteto catalán, recente gañador do Latin Grammy a 'Mellor álbum de música flamenca' por 'Flamencas', ofrecerá o seu único concerto en Galicia dentro da xira estatal
A CORUÑA las migas grammy
19 Nov 2025

Las Migas recalarán na Coruña o domingo 30 de novembro co seu espectáculo 'Flamencas', unha parada especial da súa xira estatal que terá como escenario o histórico Teatro Colón. O concerto, que comezará ás 20.00 horas, será a única ocasión de ver o cuarteto en Galicia nesta xira, e as entradas están xa á venda.

A banda chega á cidade herculina poucos días despois de facer historia de novo nos Latin Grammy, onde vén de conseguir o seu segundo galardón a 'Mellor álbum de música flamenca' co disco 'Flamencas', recoñecemento que se suma ao logrado en 2022 por 'Libres'. Con este novo traballo, publicado en 2025, o grupo afonda nun flamenco de raíz pero pasado polo filtro dunha mirada contemporánea, feminista e empoderada, no que conviven bulerías, tangos, seguiriyas e outros paus clásicos do xénero.

O cuarteto actual está integrado por Paula Ramírez (voz), Marta Robles (guitarra e voz), Alicia Grillo (guitarra e voz) e Laura Pacios (violín e voz). Xuntas dan forma a un son que combina cante, toque e compás con coidados arranxos e unha posta en escena moi visual, converténdose nunha das formacións de referencia do flamenco contemporáneo con selo feminino.

O espectáculo da Coruña xirará arredor de 'Flamencas', pero tamén repasará algunhas das cancións que marcaron as dúas décadas de traxectoria da banda. Ao longo destes 20 anos, Las Migas publicaron seis discos de estudio, actuaron en máis de 50 países de Europa, América, África e Asia e suman no seu palmarés dous Latin Grammy, varias nominacións máis e premios como dous MIN ou o galardón +Músicas.

⚙ Configurar cookies
0.070126056671143