Lara Méndez denuncia o “desmantelamento” e deterioro do CIAM de Mabegondo

ACoruñaXa
O PSdeG reclama maior transparencia na xestión dun centro clave para o futuro do sector agrogandeiro galego
lara-mendez-psdeg
14 Jun 2025

A portavoz de Gandaría do Grupo Socialista, Lara Méndez, cargou contra a Consellería do Medio Rural pola situación de deterioro que, ao seu xuízo, vive o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). A deputada acusou ao goberno galego de “provocar o deterioro” do centro e de “prescindir do talento do persoal investigador e de campo”, durante a súa intervención na Comisión de Agricultura do Parlamento galego.

Méndez advertiu dunha redución drástica do cadro de persoal do CIAM, que pasou de contar con 51 postos en 2008 a só 35 efectivos cubertos na actualidade, o que supón unha caída do 35 %. Segundo afirmou, “é insostible manter os niveis de excelencia do centro sen plantilla”, e denunciou o “ninguneo e falla de respecto” por parte da Xunta, á que responsabilizou da “torpeza” de desaproveitar a capacidade do centro.

A deputada puxo tamén o foco no estado das instalacións e da maquinaria, que cualificou de obsoletas e fora de uso, dificultando, dixo, o funcionamento axeitado do CIAM. Cuestionou, ademais, os supostos investimentos anunciados pola Xunta: “Os 6 millóns de investimentos en infraestruturas dos que presumen corresponden a un banco de xermoplasma que foi anunciado en xaneiro de 2024, antes das eleccións, pero a día de hoxe segue sen estar rematado, polo que non poden facer uso del e estase a deteriorar mes a mes”.

Un dos puntos máis críticos da súa intervención chegou ao abordar a situación interna do centro. Méndez reclamou á Consellería que “escoiten” ao persoal, que presentou un escrito diante da Valedora do Pobo asinado por 21 dos 23 traballadores, excluíndo ao xefe de Formación e á súa muller, a xefa de Coordinación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

Nesa liña, denunciou o que considera unha xestión marcada pola “endogamia e sectarismo”, ao afirmar que “prescinden da maior parte do talento para o beneficio dalgunhas persoas”. Como exemplo, citou a presentación dunha das liñas de investigación máis relevantes do CIAM, atribuída ao xefe de Formación, Innovación e Investigación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e á súa muller, deixando á marxe os investigadores que levaran a iniciativa desde o principio.

Ademais, alertou dun “claro conflito de intereses” ao explicar que dito responsable aprobou unha liña de investigación desenvolvida por el mesmo, pola súa parella e polo xefe de área dun ente colaborador privado que, segundo asegurou, é o seu cuñado.

O grupo socialista reclama, así, unha rectificación na política da Xunta co CIAM e maior transparencia na xestión dun centro que consideran clave para o futuro do sector agrogandeiro galego.

⚙ Configurar cookies
0.17638802528381