Lar de Unta abre en Betanzos un grupo de conversas en galego para gañar soltura co idioma

A Asociación Lar de Unta porá en marcha en Betanzos un grupo de conversas en galego pensado para todas aquelas persoas que queiran practicar o idioma e coller confianza para empregalo no día a día. A proposta non está formulada como un curso, senón como un espazo participativo e ameno no que, semana a semana, se falará de diferentes temas nun ambiente tranquilo.
O grupo está aberto tanto a persoas que chegaron hai pouco e queren aprender galego, como a veciños que o entenden pero non se atreven a falalo con soltura, ou a quen xa o usa habitualmente e busca máis ocasións para practicalo.
A actividade arrincará o luns 12 de xaneiro ás 20.00 horas no local da Asociación Lar de Unta (Pescadería 3, Betanzos). As inscricións xa están abertas e deben realizarse enviando un correo a lardeunta@gmail.com. Dende a entidade lembran que as prazas son limitadas.