Mesón do Vento celebrará a súa XXVI Festa do Lacón con Grelos

ACoruñaXa
A programación, pensada para todas as idades, combinará música, actividades ecuestres e degustacións
Festa do lacón con grelos
22 Feb 2025

Veciños e veciñas de Mesón do Vento celebrarán os días 22 e 23 de marzo de 2025 a XXVI Festa do Lacón con Grelos, sendo epicentro da gastronomía e da tradición galega. A programación, pensada para todas as idades, combinará música, espectáculos, actividades ecuestres e degustacións.

O sábado 22 de marzo, a xornada comezará ás 11.00 horas cunha exhibición de doma de cabalos de pura raza galega. Ás 12.30 horas, a música tradicional tomará protagonismo co XI Encontro Folclórico. Pola tarde, ás 16:30 horas, terá lugar unha exhibición de cans pastores, destacando as habilidades destes animais no manexo de gando. Ás 18.00 horas, a animación continuará coa actuación de Uxía Lambona e A Banda Molona, e ás 19:00 horas pecharase a programación do día co espectáculo acrobático "Tavole" a cargo de Zirko Tzokos.

O domingo 23, a festa arrancará desde primeira hora con actividades pensadas para toda a familia. Haberá un circuíto de mini tractores para nenos e nenas e pasarrúas con gaiteiros durante a mañá. Ás 11.00 horas celebrarase o concurso morfolóxico de cabalos e eguas de pura raza galega, seguido ás 11.30 horas da VI poxa de gando de raza frisona. As probas de andadura galega, na modalidade de trote libre, terán lugar pouco despois. Un dos momentos máis esperados chegará coa degustación de lacón con grelos, prato estrela da festa, que permitirá aos asistentes saborear a gastronomía local. Ás 14.00 horas, a sesión vermú estará amenizada por Ángel Habana e, para poñer o broche de ouro, a Orquestra Capitol ofrecerá o concerto de fin de festa a partir das 17.30 horas.

Esta celebración, organizada polo Concello de Ordes en colaboración coa Xunta de Galicia, Asoporcel, a Asociación Pura Raza Cabalo Galego e Boaga, busca poñer en valor a cultura e gastronomía galegas, convertendo o Mesón do Vento nun punto de encontro festivo e familiar.

0.15966606140137